Dúas estreas de teatro abordan en Santiago as problemáticas dos menores

Redrum estrea 'Hamelin' e Artefeito, 'Soños', ambos espectáculos con foco na infancia.
Roberto Leal, Rubén Porto, Mónica García, Machi Salgado, Guillermo Carbajo, Belén Constenla e Fran Lareu, o elenco de 'Hamelin'.
photo_camera Roberto Leal, Rubén Porto, Mónica García, Machi Salgado, Guillermo Carbajo, Belén Constenla e Fran Lareu, o elenco de 'Hamelin'.


Dupla estrea teatral esta semana en Santiago de Compostela. O Teatro Principal acollerá na quinta feira, 23 de febreiro, ás 20:30 horas, a estrea de Hamelin, o décimo sexto espectáculo da compañía Redrum Teatro. Alex Sampayo encárgase da dirección e máis da adaptación desta obra de Juan Mayorga que trata sobre os abusos á infancia e inspírase de forma moi libre nun caso real, ocorrido no barrio barcelonés do Raval a finais dos anos 90. 

Segundo manifestou o director a Nós Diario, "neste espectáculo non hai bos e malos, hai vítimas e verdugos. A escrita de Mayorga ten moitas capas e, cando parece que algún dos personaxes é repulsivo, a trama dá un xiro que mostra outro aspecto do conflito e as certezas comezan a derrubarse. Xerar unha discusión sobre estes temas é a finalidade última destas obras", explicaba Sampayo.

Hamelin conta cun elenco conformado por sete intérpretes: Machi Salgado, Belén Constenla, Guillermo Carbajo, Mónica García, Roberto Leal, Rubén Porto e Fran Lareu. Xunto á dirección e o elenco de sete intérpretes completan o equipo Laura Míguez como axudante de dirección, Carlos Álvarez-Ossorio como responsábel do deseño de iluminación e Fernando Epelde como encargado do espazo sonoro.

 

Menores en situación de exclusión social 

Ao día seguinte, 24 de febreiro, a compañía Artefeito estreará Soños, unha montaxe que aborda a situación de discriminación e exclusión social que sofren moitos menores que medran en vivendas tuteladas para chegar a un público máis amplo e acabar cos estigmas. 

Soños conta con dramaturxia de Fernando Epelde, dirección de Tamara Canosa e cun elenco formado por Anxo Outumuro, Victoria Pérez e Sara Pérez. 

A escrita procede do contacto directo do autor e a directora con rapaces e rapazas de vivendas tuteladas, levando as súas experiencias ao escenario para crear unha obra realista e con moito ritmo. O espectáculo aborda as súas realidades con punto de partida en vivencias propias, unha linguaxe accesíbel e situación da vida cotiá a través das que reflicten as súas dificultades. 

Malia estrearse agora no Salón Teatro, a obra está pensada para representarse, sobre todo, en centros educativos de secundaria e de bacharelato, para que todo o alumnado que convive ou pode chegar a convivir cun mozo ou moza en situación de risco de exclusión entenda a súa realidade, que non está tan afastada da de calquera outro adolescente.   

Comentarios