Fernando Epelde e Rafa Vilar, premios SELIC de creación literaria

As obras Realness e A cidade e a chuvia valéronlle a Fernando Espelde e a Rafa Vilar o I Premio SELIC de creación literaria nas categorías de teatro e poesía.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, deu conta hoxe do fallo do xurado dos I Premios SELIC
photo_camera A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, deu conta do fallo do xurado dos I Premios SELIC

O Concello de Santiago vén de dar a coñecer os I Premios SELIC, convocados para incrementar a presenza de Compostela na literatura escrita en galego. E é que un dos requirimentos das bases era, precisamente, que as obras presentadas tivesen a cidade como marco de acción ou referencia fundamental.

Na categoría de textos teatrais, acadou o premio Fernando Espelde coa obra Realness, da que o xurado salientou a “atmosfera rica, atractiva e suxestiva” e a “escrita limpa e puída que permite unha lectura áxil que narra o enfrontamento entre a lei e a liberdade”. Engadiu que o texto “presenta unha frescura e unha actualidade chea de conversas disparatadas e interesantes, con personaxes que se expresan con naturalidade e formula interrogantes sobre a identidade sexual das persoas”.

Nado en Ourense en 1980, Fernando Epelde García iniciou a súa formación no ámbito da interpretación e a edición en vídeo e acabou dirixindo a súa carreira tamén cara a escrita. Influenciado por dramaturgos galegos como Carlos Losada e Rubén Ruibal, traballa frecuentemente coa compañía Voadora. Na actualidade, compaxina o seu traballo como dramaturgo co seu proxecto musical Raposo.

Na categoría de poesía, o I Premio SELIC foi para a obra A cidade e a chuvia, de Rafa Vilar. Un texto que, en palabras do xurado, “evoca a alma interior e a identidade de Santiago nun traballo sensitivo, delicado e cheo de matices”. A obra “describe a necesidade da chuvia cunha elegante composición de versos moi medidos, que precisan dunha lectura lenta, e que reflicten á perfección o paso das estacións, a mutabilidade da vida na cidade”. Rafa Vilar, agrega o xurado, converte cada poema “nunha declaración de amor a Compostela, cidade soñada, imaxinada, onírica”.
 

Rafa Vilar naceu en Cee en 1968. É licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago, ten publicadas numerosas obras, sobre todo desde que en 1992 se fixo co Premio Fermín Bouza Brey pola obra Liques de memoria. Despois dese, chegaron outras moitas distincións, como o Premio Cómaros Verdes do Concello de Vilagarcía, o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, o Premio de Poesía Cidade de Ourense, o Arume de poesía para nenos/as da Fundación Xosé Neira Vilas ou, máis recentemente, o premio de poesía Victoriano Taibo.

Os premios teñen unha dotación de 2.000 euros cada un e as obras serán publicadas na colección SELIC que edita o Concello de Santiago. O xurado que seleccionou as obras gañadoras do I Premios SELIC de creación literaria estivo integrado por Paula Carballeira, Antón Lopo, Montse Dopico, Xavier Lama e Lupe Gómez, que decidiron deixar deserto o premio na categoría de narrativa.

Comentarios