Redrum Teatro estrea 'Hamelin'

As ameazas á infancia, no escenario

A obra, dirixida e adaptada por Alex Sampayo, está protagonizada por un elenco de sete intérpretes formado por Guillermo Carbajo, Mónica García, Roberto Leal, Machi Salgado, Belén Constenla, Fran Lareu e Rubén Porto.

Roberto Leal, Rubén Porto, Mónica García, Machi Salgado, Guillermo Carbajo, Belén Constenla e Fran Lareu, o elenco de 'Hamelin'.
photo_camera Roberto Leal, Rubén Porto, Mónica García, Machi Salgado, Guillermo Carbajo, Belén Constenla e Fran Lareu, o elenco da obra.

"Unha parella aluga o seu fillo de dez anos as fins de semana por 30.000 pesetas". Ese titular, referido ao descubrimento dunha rede de pederastia na barrio do Raval, en Barcelona, impactou o dramaturgo madrileño Juan Mayorga e levouno a escribir Hamelín, un texto que se interna nas diferentes violencias que a sociedade exerce sobre a infancia: a dominación sexual, mais tamén o abandono, os malos tratos, o acoso...  

Agora, a compañía Redrum Teatro, baixo a dirección de Alex Sampaio, adapta esta obra ao galego. Cun elenco conformado por sete intérpretes -Machi Salgado, Belén Constenla, Guillermo Carbajo, Mónica García, Roberto Leal, Rubén Porto e Fran Lareu-, axudantía de dirección de Laura Míguez, deseño de iluminación de Carlos Álvarez-Ossorio e espazo sonoro de Fernando Epelde, a compañía aborda así o seu segundo espectáculo -despois de O mozo da última fila- baseado nun texto de Mayorga. 

O propio Mayorga viu en Vigo a anterior adaptación da súa obra e recomendou a Redrum para acompañar os actos da entrega do premio Princesa de Asturias, que se lle concedeu o ano pasado. 

"Repetimos con Mayorga e repetimos elenco", conta Alex Sampaio en conversa con Nós Diario. "O mozo da última fila funcionou moi ben, logramos un grao de complicidade moi grande, así que decidimos repetir, engadindo esta vez a Fran Lareu".

Perversións

Hamelín é un texto duro, que fala da pederastia, mais tamén da perversión sexual, da perversión da educación, da perversión que significa a pobreza e da perversión das palabras. 

"Esa é a parte que me gusta", confesa Sampaio, "o debate que se pode dar tras ver a obra: para iso está o teatro. Neste espectáculo non hai bos e malos, hai vítimas e verdugos. A escrita de Mayorga ten moitas capas e, cando parece que algún dos personaxes é repulsivo, a trama dá un xiro que mostra outro aspecto do conflito e as certezas comezan a derrubarse. Xerar unha discusión sobre estes temas é a finalidade última destas obras". 

Transmitir todas esas capas é un reto para calquera director e Sampaio opta por "ser o máis fiel posíbel ao texto de Mayorga pero traendo a función cara á actualidade", indica. 

"Hai algunhas licencias. A miña proposta consiste en que sexa o elenco quen o faga todo: desde manipular a iluminación -a base de fluorescentes sen cable- até a música, aproveitando que varios deles tocan algún instrumento", explica o director.  

Un dos personaxes, o Acotador, axuda a poñer sobre aviso ao público ante a tentación de interpretacións sinxelas. "É un personaxe ambigüo e moi interesante, porque el mesmo é un personaxe cos seus propios intereses que pode facer que a lectura da obra oscile cara a un lado ou cara o contrario. En certa forma, é un director que conduce a función e que nos leva cara a un final no que queda claro que a sociedade, o sistema no que vivimos, non é inocente ante as violencias sufridas pola infancia". 

Mayorga é un autor no que cada frase ten a súa importancia para a comprensión xeral da obra e a tradución non debe resultar doada. "Non sabería dicir", di Sampaio. "Eu traballo moi a modo e, dalgunha maneira, cando traduzo o texto xa estou dirixindo: ao tempo que traduzo fago desgloses, anotacións, análise do texto, vou definindo as personaxes... Nese sentido, desfruto moito porque Mayorga esixe moito, mais ao tempo dá moito que pensar antes de poñer en escena a obra. Ten moitas arestas".

Estrea en Compostela e xira ao longo de 2023

Hamelín, que agora se está ensaiando no edificio da SGAE en Santiago e logo no Auditorio da Illa de Arousa, estréase o 23 de febreiro no Teatro Principal de Compostela. A montaxe poderase ver tamén nunha segunda función no escenario santiagués o día 24 antes de iniciar unha xira que se estenderá ao longo do ano e que, até maio, fará paradas en Cangas (4 de marzo), Pontevedra (9 de marzo), A Illa (1 de abril), Lugo (20 de abril), Teo (28 de abril) e Verín (6 de maio).

Comentarios