Un diálogo entre distintas xeracións e Celso Emilio para celebrar o Día da Poesía

A Real Academia Galega celebrará esta terza feira, 19 de marzo, o Día da Poesía, cun encontro no que diversos poetas dialogan coa obra de Celso Emilio Ferreiro Longa noite de Pedra.

Celso Emilio Ferreiro
photo_camera Celso Emilio Ferreiro

A Real Academia Galega celebrará essta terza feira, 19 de marzo, o Día da Poesía cun diálogo xeracional coa memoria da poesía civil a través da obra de Celso Emilio Ferreiro. Dez poetas de distintas idades -Anxo Angueira, Rosalía Fernández Rial, Ana Romaní, Oriana Méndez, Chus Pato, Ismael Ramos, Alfonso Pexegueiro, Rafa Vilar e Marilar Aleixandre- escollerán versos do autor de Longa noite de pedra para conversar con eles desde a creación propia, baixo o lema Poesía e sociedade de onte a hoxe. Dialogando con Celso Emilio Ferreiro. O encontro terá lugar a partir das 19 horas na Fundación Luis Seoane da Coruña. O académico Xesús Alonso Montero será o encargado da loanza do homenaxeado e García Mc da parte musical.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a directora da Sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre; e a coordinadora do encontro, a académica de número María López-Sández, abrirán o programa.

Función social da poesía

A proposta temática do Día da Poesía, arredor da función social deste xénero, conecta coa tradición da literatura galega e tamén cun momento convulsivo a nivel global, marcado por dilemas éticos, bioéticos e conflitos bélicos nos que semella pertinente preguntarse de novo sobre “a potencia da palabra poética e a súa capacidade para erguerse como protesta e, talvez, aspirar a mudar as cousas”, contextualiza María López-Sández.

“A poesía como ferramenta serve para enfrontarnos ás nosas inquietudes existenciais pero tamén aos nosos desafíos colectivos. A palabra protesta sempre estivo aí, e na poesía galega quizais con máis razón, con voces tan potentes como as de Curros Enríquez, Ramón Cabanillas ou o propio Celso Emilio, porque a propia escolla da lingua implica xa un compromiso social de partida”, lembra. “E de aí parte esta idea de dialogar con Celso Emilio Ferreiro e de facelo contando coas voces que hoxe escriben poesía neste contexto de apertura de desafíos éticos cara ao futuro”, conclúe a académica. 

Os textos escolmados para a celebración serán recollidos nunha plaquette coa que se agasallará o público e que se incorporará en versión dixital á sección de publicacións da web da RAG, academia.gal.

Comentarios