Contracultura

Xabier Romero: "Os poemas non foran editados porque ían contra o réxime franquista e a monarquía"

Xabier Romero (Vigo, 1965) é o editor de 'O Cabronario' (Luscofusco), un poemario inédito de Celso Emilio Ferreiro e prohibido durante a ditadura.
O editor Xabier Romero. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O editor Xabier Romero. (Foto: Nós Diario)

—Como chega a vostede O Cabronario?
Foi pola relación con Xabier Ferreiro, fillo de Celso Emilio Ferreiro. Despois de falar moitas veces e de proporme que compilase todo ese material que conforma O Cabronario, un día decidimos dar o paso adiante. O material estaba nos arquivos familiares. O libro está composto polo propio poemario, titulado "O Cabronario" e outro poemario, "Al César enano", que fai Celso Emilio nos anos 70 en Venezuela.

Loxicamente todos estes poemas non foran editados no seu momento porque non se podía, ían directamente contra o réxime franquista e incluso contra a monarquía. Quedaron aí, ao longo do tempo, até que a súa familia pensou que era o momento de que todo iso saíse á luz. É certo que algún poema se coñecía por aí, nese círculo cultural, mais non estaban editados. 

—Aínda sen estaren editados, eran poemas coñecidos?
No caso de "Al César enano", el fixera un facsímile que repartira por Venezuela e que mandara á Galiza tamén. Era algo totalmente clandestino, claro. De O Cabronario coñecíase algún poema por xente achegada súa, mais son poemas totalmente descoñecidos para a maioría das persoas porque nunca chegara a facer un folleto nin nada parecido. No libro tamén se recollen materiais documentais, por exemplo, contestacións do Ministerio onde prohibía poemas moito máis sinxelos ou brandos que os seus.

A censura nese momento era alucinante. E estes poemas evidentemente falan de Franco, de Carmen Polo, personaxes da época... Ademais, é duro. Hai que recoñecer que Celso Emilio nese momento estaba moi enfadado, loxicamente.

Para min, o libro ten un valor engadido: Xabier Ferreiro fai unha explicación practicamente de todos os poemas pondo a quen le no contexto no que foron escritos. Creo que moita xente que hoxe pode ler isto non entende moi ben todo o que supuxo e parecíanos importante pór a xente naquel intre para ver o que supoñía escribir algo como isto e que podía sentir Celso Emilio en Venezuela, lonxe da terra e con todo o que se estaba a vivir.

—Ademais, esta obra supón a estrea do selo Luscofusco Edicións.
Mundo Detrás do Marco é unha empresa editora que ten diferentes liñas. Ten a Editorial Elvira, que naceu con Carlos Oroza; Fosfatina Edicións, dedicada ao mundo do cómic, e agora nace esta liña de Luscofusco que vai estar plenamente enfocada a Galiza. Publicará obras tanto en galego como en castelán, mais todos eles mirando cara ao territorio. En realidade xa levamos moito tempo editando cousas relativas á Galiza, mais queriamos diferenciar todos estes temas. 

—Que previsións teñen para este ano?
Xa temos programado case o ano completo de publicacións. Imos recuperar a obra de Lois Pereiro, que foi editada hai tempo nunha edición bilingüe en galego e castelán por unha editorial catalá que xa non existe. Por isto mesmo, hoxe en día, coñecer a obra de Pereiro é imposíbel, polo que unha das nosas intencións e próximas publicacións é esta reedición.

Tamén imos recuperar Memoria de ferro, de Antón Patiño, outro libro esgotado e que non se pode atopar. A idea é amplialo porque no seu momento, cando saíu, limitábase fundamentalmente aos personaxes dos que falaba. Nós queremos falar tamén da figura de Patiño e o que supuxo e achegou en momentos difíciles á cultura e á lingua. Para este ano tamén imos sacar un libro dedicado a César Portela co fin de repasar toda a súa obra.

Comentarios