O rexurdimento de Anxo Angueira

Despois de quince anos sen publicar poesía, Anxo Angueira volve con renovada forza. Palmeiras, piueiros (Chan da pólvora) é un poemario que reflexiona sobre o rexurdimento individual e colectivo, sobre as mudanzas que sofren as identidades e sobre o decorrer dunha Historia marcada polo continuo renacer. 
Anxo Angueira, un dos participantes das xornadas.
photo_camera Anxo Angueira, recitando en Compostela en 2021.

Ás veces a Historia escríbese así. Un dos nosos emigra, faise rico, e ao volver, escolle como emblema do diñeiro unha planta exótica que lle lembra ao mundo a orixe da fortuna: unha palmeira. Ás veces a Historia quere que esa palmeira –palmeira chafariz- acabe transformada en símbolo da aldea. Anos despois, un escaravello, o chamado bicudo, acaba con ela. Un escaravello vido do leste -de onde veu o Mao Zedong / a pólvora e as magnolias- remata con aquel brasón exótico e de novo hai que reescribilo todo, resituarse no complexo mundo das identidades, mirar desde o lado do bicudo e desde o da palmeira. 

A morte da palmeira de Manselle, a súa aldea, impulsou a Anxo Angueira a volver á poesía. Ou como matiza, en conversa con Nós Diario, “á publicación, porque un nunca deixa de ser poeta”. Palmeiras, piueiros é o volume que nos trae de novo os versos de Angueira despois dun silencio poético de quince anos -desde aquela visión de Vigo que foi Fóra do sagrado, en 2007-. Un libro que fala, di Angueira, “da morte, da desaparición, e tamén do rexurdimento, da forza contraria á extinción. A morte da palmeira abaneoume de tal maneira que empecei a xuntar moitos cabos e a tecer este libro con materiais que teñen que ver coa terra, como a palmeira, e co mar, como o piueiro”. 

O piueiro -o pandullo da volanta- é esa palabra que non aparece nos dicionarios e que unha asociación da Guarda recuperou. “Coa axuda deses mariñeiros da Guarda recuperei esa palabra –tan enxebre que a ignoramos– que constitúe un símbolo da súa cultura; igual que recuperaron un tipo de embarcación –o volanteiro– desaparecida hai cen anos. Un exemplo extraordinario non só para a cultura naval, senón para toda a cultura galega contemporánea”. 

O encontro feliz e revolucionario entre as cousas e as palabras”, di Chus Pato nas achegas das Contornas que pechan o volume

Os poemas de Angueira teñen ese don: nomean, recuperan palabras –e polo tanto, realidades–, que pasan a engrosar as filas da resistencia. “O encontro feliz e revolucionario entre as cousas e as palabras”, di Chus Pato nas achegas das Contornas que pechan o volume. Esa, talvez, é a máis alta finalidade do poeta. “Efectivamente”, concorda Angueira, “así contribúe o poeta a ese esforzo colectivo de rescatar do desacordo, de desenterrar o que temos esquecido, e de sentirnos orgullosos do que somos para manter viva a esperanza”.

E claro, o bicudo que rematou coa palmeira ten o seu correlato noutros bicudos. "O da alienación, o do control, o que nos mantén incapacitados para ter claras as coordenadas en que vivimos e para organizarnos e intentar mudas o estado das cousas". Sodes mentres non sexan / a fouce e o martelo / a independencia.  

O rexurdimento 

Nesa tensión entre o exótico e o enxebre, entre o que morre e o que renace, a poesía de Angueira vai debullando as transformacións vividas por un pobo. "A historia desa palmeira é, en certo sentido, a historia da miña aldea. Ela é a testemuña da extinción dun tipo de vida que foi evoluíndo e que está esmorecendo en toda Europa". 

Os poemas de Palmeiras, piueiros abrazan a terra e o mar, o individual e o colectivo, lembran “o que eu levo marcado a ferro desde a infancia, que é ese mundo comunal de Manselle, os traballos colectivos, o ritmo das marés. Aínda que o libro está feito desde a miña mirada particular e marcado pola miña experiencia persoal, é un libro que fala de nós, ese nós que transcende o individuo e que lle dá sentido á existencia”. 

Un Nós que é a Nación ou que é a clase, como nese poema dedicado a Barán Galicia, o nome que escolleu un mozo galego que foi a combater cos kurdos e morreu alí, “por un proxecto internacionalista e antiimperialista no que interveu con ese nome que en kurdo significa choiva da Galiza. O oficio do poeta é tamén ver o que sucede arredor, tratar esa dimensión colectiva, de comunidade, que é o que a min me preocupa”. 

Angueira, que se ocupou polo miúdo, na súa obra ensaística, do Rexurdimento literario, engarza os seus versos como un elo máis na cadea que une a Sarmiento e Rosalía con Ferrín, o pronunciamento de Faraldo e de Solís coas folgas do metal dos anos setenta do pasado século. "Hai que ser consciente de que é necesario renacer, de que cómpre coller impulso e ilusión para enfrontar o camiño -por complicado que sexa- con esperanza. Neste libro hai moitos diálogos literarios, moitas referencias, mais dúas das fundamentais son Rosalía de Castro e Manuel Antonio, que supoñen dous fitos da nosa literatura. A nosa historia cultural está formada de continuos rexurdimentos, ou dun rexurdimento continuo, con altos e baixos. O Rexurdimento non está acabado, non está resolto. Temos que seguir".

Comentarios