Desakato, Sara Hebe e Ana Tijoux, entre outras, dan comezo ao Revenidas esta quinta feira

Unha hora antes de que se abran as porta do recinto do festival, terá lugar a primeira das actividades paralelas do Revenidas. O músico, escritor e divulgador Xurxo Souto será o encargado de guiar e pór banda sonora ao roteiro 'Redescubre Vilaxoán'.
Unha imaxe do Revenidas de 2022 (Foto: Revenidas).
photo_camera Unha imaxe do Revenidas de 2022 (Foto: Revenidas).

O Revenidas dá comezo esta quinta feira a unha edición na cal participarán máis de 30 grupos e que contará con todos os elementos que están a facer do festival de Vilaxoán, en Vilagarcía, unha das citas musicais e culturais máis singulares e destacadas do verán na Galiza.

O recinto do festival abrirase ás 18 horas. Soará entón a música dende La Duendeneta, que permanecerá no recinto até o sábado ambientando –ou máis ben axitando- diferentes momentos.

Ás 18.30 será Hydn que suba ao escenario Mahou. A coruñesa, unha das artistas emerxentes galegas con máis proxección, gañou o dereito de actuar no Revenidas ao ser a gañadora do concurso de Sonidos Mans. T

ras unha nova sesión da Duendeneta, ás 19.30 será a quenda de Panteón Rococó, unha das bandas máis influíntes do ska latino, un estilo en que teñen cabida o rock, o punk, a salsa, o mariachi, o reggae e mesmo a música folclórica mexicana.

De seguido, ás 20.30 o protagonismo será para a rapeira arxentina Sara Hebe, unha muller que representa como ninguén, dun modo ben explícito e festivo, o seu compromiso social e feminista enriba dun escenario.

Ás dez da noite terá lugar un fito histórico: o Revenidas acollerá o derradeiro concerto na Galiza de Desakato, xa que a histórica banda asturiana de punk rock anunciou que se despedirá definitivamente dos escenarios o 11 de novembro. O seguintes en soar en Vilaxoán, ás 23.30 h serán Tremenda Jauría, que chegan para presentar en directo o seu novo disco, Todxs Igual.

Ás 00.30 h chegará a actuación dunha das grandes figuras do cartaz do Revenidas, a da comprometida rapeira francochilena Ana Tijoux, considerada pola revista Bilboard como a mellor rapeira en español do mundo. Unha nova sesión da Duendeneta precederá a presenza, ás 02.10 horas, de Arrythmia, o trío lucense que conta cun dos directos máis potentes da Galiza.

Os encargados de fechar a primeira xornada do Revenidas serán The Skarnivals, que presentarán Latexos, un disco no cal dan media voltiña ao seu son, sen perder a súa esencia de banda de ska punk de corte clásico aderezada con chiscadelas ao folk.

Roteiro

Unha hora antes de que se abran as porta do recinto do festival, terá lugar a primeira das actividades paralelas do Revenidas. O músico, escritor e divulgador Xurxo Souto será o encargado de guiar e pór banda sonora ao roteiro ‘Redescubre Vilaxoán’. O itinerario partirá ás 17 horas desde o centro sociocultural de Vilaxoán e percorrerá os principais lugares de interese histórico, artístico e etnográfico da vila mariñeira. A participación no roteiro é de balde pero require dunha inscrición previa.

Comentarios