A Deputación de Pontevedra edita o catálogo de 'Máis alá da Paisaxe' de Lito Portela

A publicación estará editada polo servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico e presentarase esta sexta feira en Moaña.
Lito Portela (Foto: Deputación de Pontevedra).
photo_camera Lito Portela (Foto: Deputación de Pontevedra).

A Deputación de Pontevedra dará unha nova vida á exposición Máis alá da paisaxe do artista Lito Portela, previa á pandemia, coa publicación do seu catálogo. A obra, que se presentará esta sexta feira en Moaña, estará editada polo servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico dirixido pola deputada María Ortega

Máis alá da paisaxe recolle as obras da última proposta creativa de Lito Portela, un artista de longo percorrido que centra a súa obra no medio natural máis próximo, reflexionando e levando a cabo un exhaustivo traballo de campo, experimentando técnicas e formas de expresión.

Na súa traxectoria mostrou especial predilección polas formas orgánicas, alternando etapas figurativas e abstractas. 

En Máis alá da paisaxe utiliza a técnica da acuarela traballada dende un sentido "matérico" que consegue tirar dela calidades pouco habituais e matices grazas aos diferentes tipos de papeis que serven de soporte. Desta maneira, o pintor capta o medio mariño dunha maneira suxestiva, con novos significados. 

O artista cangués conta con obra propia na Deputación de Pontevedra, en Afundación e no Museo Ramón Aller de Lalín. Na súa obra, recoñecida con numerosos premios, salienta a presenza da súa contorna, O Morrazo, onde reside.

Unha das súas máis coñecida, a escultura Buguina da Costa da Vela en Cabo Home (Donón, Cangas) preside un dos lugares máis coñecidos desta comarca. Entre as súas exposicións destacan Paisaxe líquida, 2018, na compostelá galería Metro e Mais alá da paisaxe, protagonsta deste catálogo, na viguesa Apóstrophe, así como o proxecto escultórico Espiñas coroadas, en 2012, na Sala Alterarte en Ourense.

Presentación do catálogo

A presentación do catálogo que terá lugar o 10 de xullo será, segundo fontes da Deputación, nun acto que contará coa presenza do propio autor, da deputada María Ortega, da alcaldesa Leticia Santos, e tamén con todas as persoas que participaron con textos na publicación: o escritor Manuel M. Romón, o historiador e crítico de arte Carlos L. Bernárdez, e o mestre Luís Nacidas.

O evento será ao aire libre no Eirado do Ferreiro ás oito da tarde e estará aberto ao público ata completar cabida. As persoas que asistan poderán levar un exemplar da publicación de maneira gratuíta.

Comentarios