A Festa da Diversidade volve a Moaña "coa liberdade máis completa"

O municipio do Morrazo acollerá os días 3 e 4 de xuño a V Festa da Diversidade con concertos, un documental e a exposición Mulleres Trans Ilustradas da asociación Arelas.
Imaxe da presentación da Festa da Diversidade no que participaron a alcaldesa de Moaña e a deputada provincial (Foto: Nós Diario).
photo_camera Imaxe da presentación da Festa da Diversidade no que participaron a alcaldesa de Moaña e a deputada provincial (Foto: Nós Diario).

Moaña contará os días 3 e 4 de xuño cunha nova edición da Festa da Diversidade, a quinta, na que seguirá apostando por un evento feito "coa liberdade máis  completa, diversa e comprometida", segundo apuntan nun comunicado desde o Concello dese municipo do Morrazo. 

Na programación, con varios espectáculos e fantasías culturais, buscarán animar "a visibilidade real e a convivencia en liberdade" contando con artistas LGTBI+ da Galiza.

Os actos comezarán o 3 de xuño no Salón de Plenos coa proxección do filme A Noite Irisada, sobre a loita LGTBI na Galiza, finalista nos Premios Mestre Mateo.

"Un valioso relato, desde as cantigas medievais até a actualidade, sobre o amor, o respecto e a memoria diversa", indican. Ao remate do visionado haberá un faladoiro no que estará presente a súa directora, Bea Vázquez

O sábado 4, o Palco da Música -novo emprazamento para esta edición- acollerá unha programación diversa non só pola temática e polo elenco maioritario de artistas trans, senón tamén polos variados formatos artísticos.

Este ano, a partir das 19 horas, Nico Elsker presentará os seus Contos Invertidos e a Drag Pandeireteira de Meiga-i fará unha viaxe polo mundo da fantasía galega. Seguirá o concerto Suor d’O Rabelo para rematar a noite co DJ de ARIEZZZ e as súas performances. 

Mulleres Trans Ilustradas

O Concello de Moaña completa a programación deste evento coa exposición itinerante Mulleres Trans Ilustradas, un material didáctico cedido pola asociación Arelas co fin de dar a coñecer os logros de mulleres trans referentes nos seus ámbitos.

Ademais, o recinto contará cun punto de atención á diversidade, información e prevención para facer unha festa máis segura fronte ás agresións.

Comentarios