Os Novos Valores de Pontevedra lucirán a súa arte de premio na feira Culturgal

A Deputación amplía o seu espazo museístico -será o dobre que en edicións anteriores- co gallo do evento. Así poderá expoñer as obras gañadoras do certames Novos Valores de 2019 e 2020.
Obra 'Voltar', de Nuria Rodríguez Figueirido. (Foto: Nós Diario) #culturgal #museodepontevedra #deputación #voltar #novosvalores #nuriarodríguezfigueirido
photo_camera Obra 'Voltar', de Nuria Rodríguez Figueirido. (Foto: Nós Diario)

O Museo de Pontevedra aproveita o escaparate que supón a feira Culturgal, que decorrerá esta fin de semana na cidade, para duplicar o seu espazo expositivo coa intención de darlle visibilidade aos Novos Valores da arte. Á sede habitual do Museo súmase o posto propio no evento no que se dan cita as industrias culturais da Galiza, polo que se aposta con máis forza após a cancelación da edición pasada. Tanto é así que a Deputación reservou un lugar o dobre de grande que en anos anteriores para expor varias obras das e dos gañadores do certame Novos Valores de 2019 e 2020. 

A iniciativa da institución procurará maior protagonismo para a arte contemporánea local, de forma que as e os gañadoras das bolsas de 2020 lucirán no recinto. 

A partir desta sexta feira 26 de novembro as persoas que pasen polo Culturgal poderán descubrir e gozar das propostas I wish you’d rub your quills against my stomac, de Andrea Dávila Rubio; Voltar, de Nuria Rodríguez Figueiredo; Homeworks, obra de María del Mar Ramón Soriano; e Representación nº3. La mano del artista, tres creacións "escultóricas" e unha composición fotográfica, creadas por Alejandro Rego Díaz.

A primeira das obras xunta resina de poliéster, fibra de vidro e aceiro para dar forma a parte dunha investigación doutoral sobre os vencellos entre escultura, corpo e pel, mentres que Voltar aposta de novo na escultura pero neste caso en cerámica vidrada. 

Ramón Soriano levara o premio por un xogo e estudo sobre os tempos, que agora invitarán a pensar as asistentes, e Rego Díaz presenta a súa arte cunha serie de nove fotografías sobre a natureza da mirada humana. 

Así mesmo, o proxecto museístico ideado para este evento recupera tamén as obras que obtiveron o recoñecemento do concurso Novos Valores da Deputación pontevedresa en 2019: Mohamed El Amine Asselman (Ordensound) e Elena Matamoro Gómez de los Infantes, cunha investigación da arte sonora buscando os sons interiores das cousas.

Partillarán espazo, ao igual que premios, coa mostra de fotografías reflexivas de Rosa Pardal Aragunde e a combinación de pintura, ilustración e técnicas escultóricas asiáticas de Alba Castillo Costa. 

O director do Museo, Xosé Manuel Rey, incidiu nesta cuarta feira en que co regreso do Culturgal á axenda malia o contexto “continúase a idea de apostar por divulgar o talento de novas e novos creadores como xa se fixera na edición de 2018"

Comentarios