Déborah Vukušić gaña o VII Torneo de Dramaturxia da Galiza

O público premiou o seu texto 'Musas do metal', fronte aos de Manuel Cortés,  Ana Abad de Larriva e J. L. Baños de Cos
Déborah Vukušić (no centro) coas actrices Marián Bañobre (á dereita) e Cris Iglesias (á dereita).
photo_camera Déborah Vukušić (no centro) coas actrices Marián Bañobre (á dereita) e Cris Iglesias (á dereita).

Déborah Vukušić foi a gañadora do Torneo de Dramaturxia da Galiza, que celebrou a súa sétima edición e consolídase como unha aposta firme da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas para dar a coñecer a dramaturxia galega, creando un nexo directo entre autoras/es e público. Este proxecto, pioneiro na Galiza, conta coa colaboración de DramaturGA, a primeira asociación profesional da dramaturxia galega. 

O Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela foi o escenario para representar este particular combate, no que Esther F. Carrodeguas foi a mestra de cerimonias. Catro recoñecidas persoas dramaturgas batéronse na procura do voto do público.

Finalmente, o premio foi para a actriz, escritora e directora ourensá Déborah Vukušić, cun texto titulado Musas do metal. As actrices Marián Bañobre e Cris Iglesias foron as encargadas de poñerlle voz á historia. 

 

Musas do metal é a historia da crise creativa dunha autora que, nun soño, esperta no Olimpo para poñer unha reclamación. É a primeira vez que Vukušić participa como dramaturga, aínda que xa estivera noutras edicións do Torneo, como público e tamén como actriz.

Os outros textos que participaron neste Torneo foron: O inesperado encontro entre William Henry Gates III e o incerto señor Stephen William Hawking I, escrito por Manuel Cortés e interpretado por Fran Peleteiro e Eva Jáudenes; Os robots non saben abrazar, de Ana Abad de Larriva, texto ao que deron vida Martín Máez e Noa Covelo; e Uxhía ou a falta de amor, de J. L. Baños de Cos, representado no Auditorio polas actrices Rocío Salgado e Marta Pérez. 

A Asociación Galega de Dramaturxia naceu no ano 2015 coa intención de mellorar, defender e velar polas condicións laborais das persoas profesionais deste sector e visibilizar a dramaturxia galega.  

Comentarios