A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, mantivo esta terza feira, 7 de maio, un encontro co voceiro da plataforma Queremos Galego, Marcos Maceira, á que tamén asistiron representantes da CIG, da Asociación Cultural O Galo e do resto das entidades que conforman a plataforma.
Tras o encontro a alcaldesa expresou a adhesión do Concello de Santiago ás reivindicacións para a manifestación do vindeiro 17 de maio, xa que "sabemos que a lingua galega ten moitas fortalezas, pero tamén moitas debilidades e aínda hai moito que percorrer nos dereitos lingüísticos da maioría da poboación".
Goretti Sanmartín recordou o compromiso municipal coa lingua a través de iniciativas como o programa Apego "para conseguir que haxa crianzas galego-falantes" ou de aprendizaxe lingüístico como o Programa Elos engánchate co galego. Tamén mencionou a Declaración Institucional apoiada por todos os grupos municipais para reivindicar e impulsar o uso do galego a nivel interno e nun chamamento á cidadanía de Compostela "que se fará pública nun acto que terá lugar o vindeiro día 16 de maio no propio Concello de Santiago".
Un Plan de Normalización consensuado
A rexedora tamén quixo subliñar o seu apoio ao chamamento da plataforma Queremos Galego para acadar "un consenso arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega c de hai 20 anos, que prevía unha serie de medidas que aínda hoxe non se fixeron realidade".
"O Concello estará sempre á beira das persoas defensoras da lingua, a carón do fomento da diversidade lingüística e da garantía dos dereitos lingüísticos das persoas galego falantes no interese por promocionar a pervivencia do galego a través da transmisión interexeracional", concluíu Sanmartín.