Contracultura

José Luis Baños: "Entendo o teatro de forma reivindicativa, como unha forma de facernos preguntas"

José Luís Baños de Cos, escritor, afonda na súa obra 'Lume', que lle valeu o V Premio Vidal Bolaño e que aborda diversas violencias sociais como a homofobia ou o machismo. Baños de Cos analiza como achegar o teatro á adolescencia sen deixar a un lado os temas que a afectan, xa que, como el di, "entendo que a algunhas persoas lles pareza duro, mais só estou contando cousas que acontecen na realidade".
O escritor José Luís Baños de Cos aborda violencias como a homofobia ou o machismo na obra 'Lume'. (Foto: Arxina)
photo_camera O escritor José Luís Baños de Cos aborda violencias como a homofobia ou o machismo na obra 'Lume'. (Foto: Arxina)

—Como recibiu o Premio Vidal Bolaño?
Foi unha sorpresa. Estaba voando a Turquía e cando cheguei ao aeroporto, ao acender o móbil, vin moitísimas chamadas perdidas de números que non coñecía. Logo recibín unha mensaxe de Raquel Castro, a secretaria do xurado, e tiven que buscar wifi polo aeroporto para poder contactar con ela e que me dera a boa nova. Ademais, volvín hai pouco e non tivera tempo de celebralo con ninguén, porque alí só puiden compartir esta alegría coa miña parella que viaxaba comigo. 

—O xurado salientou especialmente os temas que se tratan en Lume.
As miñas obras sempre tratan temas sociais. Estou moi relacionado co teatro social e tiven a fortuna de traballar durante un tempo no Perú con crianzas da rúa que estaban en perigo de exclusión social. Esa experiencia marcoume moito.

Entendo o teatro de forma reivindicativa, como unha forma de facernos preguntas: por que pasan as cousas que pasan? Non creo que sexa unha solución, mais gústame que cando as persoas rematen de ler unha obra miña ou de vela representada pensen nesa pregunta e como poderían facer algo para mudalo. Precisamente eu comecei no mundo do teatro máis como unha ferramenta educativa que pola parte de creación literaria, e supoño que ese é o vínculo e a orixe de todas as cousas das que falo.

José Luis Baños posando para 'Nós Diario'. (Foto: Arxina)
José Luis Baños posando para 'Nós Diario'. (Foto: Arxina)

—Un dos obxectivos do premio é xustamente ter máis obras para a adolescencia.
Tanto na Galiza como no resto do Estado non se fai un teatro xuvenil propio, é un teatro familiar coa idea de abranguer todo. Teatro xuvenil como tal non hai moito e o que hai adoita reproducir a imaxe que as persoas adultas temos, ou teñen, da xente nova. Eu traballo con xente nova, teño a posibilidade de falar moito con eles, de que desenvolvan as súas propias ideas e personaxes e doume de conta de que a xente nova ten moita máis información que hai vinte anos.

A capacidade de estar en todo momento en liña a través dos móbiles e das redes sociais supón un acceso a información que eu cando tiña a súa idade non podía nin imaxinar. Esta obra para min é moi persoal e recoñézoo, porque hai meses vin unha imaxe que se compartiu e que me deixou moi marcado: era a rúa García Lorca dunha cidade que agora non lembro e na que alguén pintara a palabra maricón. Esa é a semente de toda a historia, cousas que para moitas persoas poden ser anecdóticas e acaban sendo a orixe de cousas moito máis perigosas. 

—Cal é a chave para escribir para a rapazada?
O primeiro, a temática. Ten que ser unha realidade propia da rapazada. Non podemos obrigala a ler determinadas cousas, hai autores e autoras que parece que non escriben cousas para a adolescencia, senón cousas que a eles e elas lles gustaría que lles demandara a adolescencia. E ti podes facer unha obra utilizando linguaxe propia da rapazada, buscando palabras e construcións propias dela, mais se a temática e o comportamento non se corresponde acaba sendo unha caricatura. Eu vou enviando a obra a algunhas persoas a medida que vou escribindo para coñecer a súa opinión e con esta obra moitas persoas dicían que era moi dura e que non estaban seguras de que encaixara ben. Salvando as distancias, lémbrame cando sendo pequenos non che falan de sexualidade porque non queren meterche ideas na cabeza. E non é meter ideas, é unha cuestión de educación.

Cando rematei a obra vin nas noticias a imaxe dun rapaz ao que obrigaban a pórse de xeonllos para darlle unha patada na cara e aí foi cando decidín que non ía mudar nada na miña obra, que tiña que seguir adiante tal e como estaba. Entendo que a algunhas persoas lles pareza duro, mais só estou contando cousas que acontecen na realidade.

Comentarios