A venda de Alcoa en Cervo depende da ampliación da balsa de lodos, segundo o comité de empresa

O presidente do comité de Alcoa asegura "facilitará a venda" a ampliación de 100 a 104 metros a actual instalación.
Balsa de lodos de Alcoa en San Cibrao, Cervo, na Mariña (Foto: Adega).
photo_camera Balsa de lodos de Alcoa en San Cibrao, Cervo, na Mariña (Foto: Adega).

O presidente do comité de Alcoa en San Cibrao, Cervo (A Mariña), José Antonio Zan, alertou de que se necesita "urxentemente" solucionar a ampliación da balsa de lodos, xa que "está claro que os compradores  quererán ter un depósito que dure nove ou dez anos".

Nunhas declaracións realizadas esta terza feira, Zan indicou que “eses 10 anos máis coa ampliación de 100 a 104 metros” supón o tempo para "preparar outras opcións para o día de mañá". Pola contra, alerta de que o actual é  "un depósito que se acaba no ano 2025".

A ampliación do depósito de barros vermellos (DBR) de Alcoa está pendente de que a empresa achegue máis documentación á Xunta da Galiza para as súas autorizacións. "Levan tempo dicíndonos en reunións que non había problema ningún con este asunto", laméntase o sindicalista, “e agora atopámonos cun problema que necesitamos urxentemente que se solucione", engade.

Informes sen completar

Lembra que os informes achegados por Alcoa á Xunta "non están completos" por falta de parámetros e cualificar actualmente o residuo como perigoso.

Por iso, o comité informa de que Alcoa prevé dar unha resposta nun prazo máximo de tres semanas se vai seguir adiante co proxecto coa caracterización do produto como perigoso ou vai esperar a realizar as análises para ver cal é a caracterización.

Comentarios