Cinema

'O corno' de Jaione Camborda estréase na Galiza no festival Curtocircuíto

O flamante gañadora da última Cuncha de Ouro do Festival de San Sebastián, O corno de Jaione Camborda, abriu onte o festival Curtocircuíto que até o vindeiro domingo presentará o mellor da vangarda audiovisual en Compostela, con especial atención ao cine realizado por mulleres e ás novas creacións galegas.
Presentación do filme 'O Corno' esta terza feira e Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera Presentación do filme 'O Corno' esta terza feira en Compostela (Foto: Arxina).

Onte deu comezo a vixésima edición do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto, no Auditorio da Galiza, en Santiago de Compostela, coa estrea na Galiza de O Corno, da directora Jaione Camborda, á que asistiron numerosas autoridades e persoas do mundo da cultura. 

O filme de Camborda chegaba xusto despois de facer historia ao gañar a Cuncha de Ouro do festival de Donostia. Nunca antes unha cinta rodada en lingua galega fora seleccionada para competir polo prestixioso premio do Zinemaldia, e a película galega -que viña de estrearse mundialmente no Festival Internacional de Cinema de Toronto- aproveitou o desafío para facerse co principal galardón do festival donostiarra. 

A película, un drama rural ambientado na Galiza da década de 1970, está protagonizada pola bailarina Janet Novás (Premio El Ojo Crítico de Danza 2021 de RNE), no que é o seu debut no cinema, e conta no seu elenco con Carla Rivas, Nuria Lestegás, María Lado, Siobhan Fernandes ou Diego Anido, entre outros. 

O filme está rodado en galego e en portugués en varias localizacións das comarcas de Arousa e Baixo Miño (Galiza) e Alto Minho (Portugal) e narra a historia de María, unha mariscadora e tamén parteira que, tras un terrible suceso, se ve obrigada a fuxir a través dunha ruta de contrabandistas entre a Galiza e Portugal. 

49 filmes de 16 países

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto celebra o seu vixésimo aniversario cun programa comprometido coa igualdade e cunha ampla representación internacional. Entre o 3 e o 8 de outubro, as persoas amantes do cine poderán gozar dunha ampla selección de películas procedentes de máis de 16 países, así como dun cartel con actividades especiais que amosa a vontade da organización por ofrecer un programa que transcenda a experiencia tradicional de visionado de filmes nunha sala de proxección. 

Ao longo dos seis días, poderán verse un total de 49 filmes que foron seleccionados entre as máis de 2.000 películas que se presentaron a esta última edición para competir na Sección Oficial Cosmos, en Planeta GZ e Supernova. En total, máis do 50% destes filmes contan cunha muller na dirección, o que, sen dúbida, é unha mostra do auxe da muller no cine e, segundo salienta a organización, do "compromiso coa igualdade do equipo de Curtocircuíto", que aposta por "reivindicar a capacidade de liderado da muller e por dar visibilidade ás producións lideradas por mulleres". 

Comentarios