A Coruña acollerá esta sexta feira a Gala de Premios Culturais da Deputación

Como o pasado ano, a gala volverá ter a luz como elemento simbólico e físico, nunha escenografía creada por Sísmica Creativa, co obxecto de manter o simbolismo da luz que a Cultura aporta á sociedade. 
Yolanda Castaño foi a gañadora do Premio González Garcés de poesía.
photo_camera Yolanda Castaño foi a gañadora do Premio González Garcés de poesía.

Unha ducia de creadores e creadoras e representantes de entidades subirán esta sexta feira ao escenario do Teatro Colón na Gala de entrega dos Premios Culturais da Deputación.

Serán a poeta Yolanda Castaño, os escritores Lois Pérez e Amador Castro, o grupo Mallou, as artesás Carmen Riveiro e Verónica Moar, a artista gráfica Myriam Gesalaga, os debuxantes e guionistas de banda deseñada Siqi Luis Yang, Uxía Larrosa e Francisco Pérez Villanueva, o fotógrafo Brais Lorenzo, e as representantes da Comisión de Igualdade do Ceip Barouta e da Federación de Redeiras Artesás O Peirao, todos eles premiados e premiadas nos certames que a área provincial de Cultura convocou en 2022.  

A Gala de entrega dos Premios Culturais da Deputación será un acto de balde e aberto ao público. As portas do Teatro Colón abrirán ás 18.30 horas para que as persoas que o desexen poidan tamén pasar polo fotocol que se instalará no vestíbulo e que, como o pasado ano, volverá ter a luz como elemento simbólico e físico, nunha escenografía creada por Sísmica Creativa, co obxecto de manter o simbolismo da luz que a Cultura aporta á sociedade. 

O evento, conducido pola xornalista Marga Pazos, contará coa participación institucional do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e do deputado de Cultura, Xurxo Couto. Ademais incluirá a música de Antía Muíño e unha actuación da contadora Carmen Conde.

As persoas premiadas recibirán a escultura creada ad hoc pola artista Soledad Penalta para a Deputación da Coruña: un 'C' realizado en aceiro que representa o 'C' de Cultura e o 'C' de Coruña, e que é suxeitado na base por siluetas que representan as persoas que sosteñen e que elevan a Cultura.

Comentarios