A Gala volve ao Teatro Colón tras dous anos de pandemia

A Deputación da Coruña homenaxea na Gala de Premios culturais a 31 galardoados

A Gala de Premios Culturais da Deputación da Coruña volveu tras a pandemia. Nun ateigado Teatro Colón os responsábeis da institución provincial entregaron galardóns a 31 persoas e entidades premiadas polo seu labor cultural en 2020 e 2021. O evento xuntou a significados representes da vida social da Galiza.

Gala
photo_camera O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto canda as persoas homenaxeadas na Gala de Premios Culturais. (Foto: Nós Diario)

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, acompañados por parte da corporación provincial, encabezaron esta tarde a Gala de Premios culturais da Deputación na que se homenaxearon as 31 persoas e entidades premiadas nas convocatorias de 2020 e 2021.

González Formoso destacou que na Deputación somos conscientes da importancia estratéxica que ten a industria cultural galega, un sector fundamental para o desenvolvemento social e económico da Galiza e para a proxección exterior do noso país". Neste sentido, significou a súa importancia económica e lembrou que do sectorcultural dependen máis de 30.000 empregos e representa arredor do 2% do PIB galego.

"Estamos falando de cifras similares ás do sector da pesca, que entendo que ninguén negará que é fundamental e estratéxico para a economía da Galiza” afirmou o presidente, quen asegurou que “na Deputación da Coruña cremos que a cultura en Galiza conta cun enorme potencial aínda por desenvolver, por iso tratamos de apoiar aos nosos creadores e creadoras premiando o seu talento con galardóns coma estes e por iso tratamos de facer a cultura accesíbel a todas as persoas, levándoa a todos os recunchos da nosa provincia"

Xurxo Couto

Xurxo Couto puxo en valor o apoio que a Deputación da Coruña vén prestando á creación artística, a través da convocatoria dun amplo repertorio de premios en diferentes ámbitos e disciplinas, ás que este ano se lle engaden as convocatorias para as Residencias Artísticas no Pazo de Mariñán.

“Este apoio nin é anecdótico nin é un mero ornamento”, indicou Couto, engadindo que "é unha liña de traballo estábel e sólida. Unha liña de traballo que implica a preto de 150 persoas remuneradas porque, non nos cansamos de reivindicalo, todos os elos do sistema cultural deben ser tratados profesionalmente”

O deputado de Cultura asegurou que a Deputación da Coruña ten “un modelo cultural propio baseado na confianza e no orgullo de termos unha cultura de noso, que nos diferencia como pobo e que nos sitúa no mundo en pé de igualdade con outras culturas”.

María Obelleiro

A gala contou con diversas actuacións musicais e teatrais así como coa intervención das representantes dos xurados dalgúns premios, entre elas a directora de Nós Diario, María Obelleiro, quen fixo parte do Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade.

As persoas e entidades galardoadas nos anos 2020 e 2021 suman unha ampla representación do tecido cultural galego. Así, algúns dos premiados no ámbito literario, son Lupe Gómez, Daniel Asorei , Ricardo Losada, Raúl Santos, Xosé A. Neira Cruz, Andrea Maceiras , Bieito Alonso e Roberto Pascual.

Os premiados na esfera das artes plásticas nos dous últimos exercicios son Frank Buschmann, Rodrigo Riveiro, Julia Lago Fernández-Couto, Begoña García-Alén González, Andrés Magán Zamorano, María Meijide Fraga, Adair García Sánchez, José Manuel López e Irene Grau García. Pola súa parte, os galardóns das artes musicais recaen en 2020 e 2021 en Caldo, Peña, Noelia Perpetuo, Bonhomía, Ramón Humet e Cordech.

Os premiados cos galardóns de acción cultural son Xaquín Marín, Agrupación Astronómica Coruñesa ÍO, Twitter en galego, Nós TV, Club de Debate, Compañía de Teatro a Panadaría e Asociación Ambar de persoas con diversidade funcional

Comentarios