Un libro recolle o traballo da fotógrafa Anna Turbau na Galiza dos 70

Completar o retrato da Transición

A imaxe da Transición en Galiza é fragmentaria, incompleta. En boa parte escurecida. Non había televisión galega, a española estaba ao servizo dunha ditadura en desintegración e algúns fotógrafos de prensa, aferrollados entre as condicións laborais e as dependencias políticas dos medios, facían o que podían. Por iso o traballo de Anna Turbau (Barcelona, 1949) resulta, visto hoxe, tan iluminador. Máis de 10.000 negativos, impresionados no país entre 1975 e 1979 e depositados no Consello da Cultura Galega, conforman o seu legado.

manifestación Salvemos Ferrol 17 de marzo de 1978
photo_camera Manifestación Salvemos Ferrol o 17 de marzo de 1978. Foto: Anna Turbau.

Turbau chegou a Galiza no ocaso do franquismo. Co seu compañeiro, o cineasta Llorenç Soler, atenderon á chamada do arquitecto César Portela, quen traballaba nun proxecto experimental para os ciganos do Bao, en Poio. “Aloxámonos na caseta das obras, conviviamos cos xitanos, e tivemos que inventarmos unha biografía”, relatou a pasada terza feira durante a presentación do catálogo Galicia 1975-1979 na Libraría Numax de Compostela, “eran xente moi tradicional e nós nin tiñamos fillos nin estabamos casados”.

Anna Turbau por Lokis en 1978

Daquela experiencia no Bao -cunha extensión a Penamoa, na Coruña, para fotografar unha voda- naceron algunhas das súas imaxes icónicas. A empatía, elemento fundamental para comprender o labor de Turbau, preside o seu retrato do invisibilizado pobo xitano. “Na súa foto está sempre a presenza do outro que te transforma. Cando Anna sae daí xa é outra”, opinou a catedrática Margarita Ledo, comisaria da exposición A intimidade da imaxe que, no pazo de Fonseca, propón unha lectura oblicua do material da fotógrafa.

As loitas contra a construción despótica da AP-9, cando se derrubaron casas, expropiaron terras sen indemnización e partíronse núcleos de poboación, son outro dos centros gravitacionais deste legado fotográfico. Anna Turbau lembrouno en Numax, con certa rabia que contrastou coa súa afabilidade: “Agora inténtase desprestixiar aquela pelexa, mais a xente defendíase dunha agresión brutal. Era xente moi maior á que non se lle pagou un peso. As fotos amosan, como mínimo, unha serie de situacións que non tiñan que acontecer”.

Fotoxornalista, Turbau vendía o seu traballo a publicacións como Interviú -naqueles anos combinaba o destape co xornalismo de investigación por veces amarelo- ou Primera Plana. E na súa etapa galega colaborou decote con A Nosa Terra. Que dirixía Margarita Ledo. “Sabiamos tan pouco de todo o que envolve a fotografía que iamos facendo camiño como podiamos. Porque toda a época de fotógrafos de inauguración de pantanos non conta”, explicou, “non tiñamos máis escola que algúns libros franceses, de Cartier-Bresson ou Robert Capa, que nos pasabamos uns aos outros. Eran carísimos”.

Piquetes en Guísamo AP-9 1977

O autodidactismo incluía ir descubrindo obstáculos e fronteiras. “O fotoxornalista debe poñerse os seus propios límites”, afirmou, e colocou exemplos concretos. Interviú encargáralle retratos dunhas nenas vítimas de violación. Os seus rostros. “Dixen que non. E dixéronme que así non me pagarían”. Turbau desprazouse igualmente ao lugar dos feitos, Vigo, e relacionouse coa familia. O resultado, este: “A miña mellor foto. Ou unha das que mellor representa a miña maneira de traballar”. A nai abraza a filla, que dá as costas ao espectador. A foto expresa a violencia e a inxustiza con mecanismos non sensacionalistas.

“Un fotógrafo ten que definir, nada máis ve un tema, que posición vai ter ao respecto”, sintetizou Anna Turbau. Por iso vai cubrir o funeral do garda civil Manuel Vázquez Cacharrón, morto en 1978 a mans dos Grapo en Compostela, e acaba rexistrando os ultras fascistas que berran a prol da involución. Ou non esquece levantar acta das manifestacións contra a inminente reconversión industrial. Nin o Día da Patria de 1978. Tampouco as persoas desempregadas que se organizan politicamente.

nena vítima dunha violación, vigo, 1978. Interviú 26 xaneiro 1978

“Cando cheguei a Galiza, tiña unha imaxe completamente equivocada do país”, rematou a súa intervención, “e aquí vin os movmentos populares máis importantes, mulleres cunha potencia e unha enerxía abraiante. A miña idea mudou totalmente” As súas fotos, canda os filmes rodados por Llorenç Soler ou Helena Lumbreras, ou a obra militante de Carlos Varela Veiga, contribúen a amosar ángulos da historia pouco iluminados no relato oficial.

O libro Galicia 1975-1979 recolle 300 das máis de 10.000 fotografías de Turbau que custodia o Consello da Cultura Galega. Coordinouno a crítica de arte Natalia Poncela, deseñárono Antonio Doñate e Xosé Carlos Hidalgo do Laboratorio Numax, e contén ensaios da propia Poncela, de Margarita Ledo, do historiador Emilio Grandío, de Cristina Zelich e de Rebeca Pardo.

A primeira foto é Anna Turbau en 1978.

A segunda é de Turbau e corresponde a un piquete contra a AP-9 ao seu paso por Guísamo en 1977.

A terceira, tamén de Turbau, é a dunha nena (de costas) vítima de violación no Vigo de 1978. Publicouse orixinalmente no semanario 'Interviú'.

Comentarios