O cinema latinoamericano recupera a súa Mostra en Compostela

Esta edición traerá tres películas e dous documentais de Chile, Arxentina, Brasil, Bolivia e México.
Fotograma de 'Los sonámbulos' (Foto: F. Araguaney).
photo_camera Fotograma de 'Los sonámbulos' (Foto: F. Araguaney).

A Fundación Araguaney-Ponte de Culturas regresa á gran pantalla coa realización da III Mostra de Cinema Latinoamericano. A cita terá lugar entre os días 2 e 6 de maio no Salón Oliveira do hotel Araguaney de Compostela e poderanse ver un total de tres películas e dous documentais de Chile, Arxentina, Brasil, Bolivia e México

Con anterioridade, a mostra presentouse ao público onte mesmo coa proxección da película chilena Pacto de fuga. O presidente da entidade, Ghaleb Jaber Martínez, explicou neste acto previo que a interrupción deste evento os dous anos enteriores veu motivada pola pandemia. 

Jaber Martínez parabenizouse de volver agora coa nova situación sociosanitaria "cargados de ilusión" e con propostas que tentan ofrecer ao público da capital galega "unha visión, o máis ampla posíbel, da realidade social e cultural desta parte do planeta, tentando romper algúns estereotipos e poder achegarnos un pouquiño máis a unha cultura tan próxima e, ao mesmo tempo, tan afastada" como é a latinoamericana. 

Programa variado

Ademais da chilena Pacto de fuga (David  Albala,  2020), pasarán pola Mostra compostelá o documental La cordilleira de los sueños (Patricio  Guzmán, 2019, 2 de maio), a longametraxe arxentina Los sonámbulos (Paula Hernández, 2019, 3 de maio), o filme brasileiro Bacurau (Kleber Mendonça Filho e Juliano  Dornelles, 2019, 4 de maio), o documental boliviano Cholitas (Jaime  Murciego, 2019, 5 de maio) e rematará coa longametraxe mexicana La civil (Teodora Ana Mihai, 2021, 6 de maio). 

A entrada a todos os filmes será gratuíta até completar a ocupación do salón mais será indispensábel confirmar asistencia previamente.

Comentarios