"Amal" volve a Carballo con dous documentais e tres filmes de ficción

A Fundación Araguaney e o Concello de Carballo presentan "Amal en ruta 2021", que decorrerá no Pazo da Cultura, cada sexta feira, do 30 de abril ao 28 de maio.
TheCave_Dir_1
photo_camera Feras Fayyad dirixiu 'The cave'. (Foto: Nós Diario)

O Concello de Carballo e a Fundación Araguaney-Ponte de Culturas presentaron a nova edición do ciclo de cinema euroárabe “Amal en ruta Carballo 2021”, que se vai desenvolver entre o 30 de abril e o 28 de maio na capital bergantiñá, cada sexta feira. 

Esta, que xa é a cuarta edición do “Amal en ruta Carballo”, vai programar un total de cinco filmes, que dentro do panorama do cine árabe do pasado ano se enmarcan na perspectiva das historias femininas e do humor.

O ciclo, que supón un resumo da última edición do festival Amal realizado no Teatro Principal de Compostela, vaise desenvolver no Pazo da Cultura de Carballo, sempre ás 20 horas, cunha capacidade de acollida limitada a 70 prazas.

A apertura irá a cargo de Adam, o día 30, a historia de superación dunha muller na que a comunidade serve de escudo protector. O 7 maio é a quenda do documental The cave, centrado na vida das mulleres médicas no conflito sirio.

E na seguinte xornada, sexta feira 14 de maio, chega o segundo documental, Gaza, que retrata a vida na Fronte de Gaza. Para as sextas feiras 21 e 28 de maio volve a ficción, con It must be heaven e Papicha.

A primeira é unha cinta palestina dirixida por Elia Suleiman e a segunda ofrece unha visión “amarga e estimulante” do papel da muller no mundo árabe actual. 

Na presentación, que se realizou de modo telemático, tomaron parte o presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber Martínez; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e o concelleiro de Cultura da localidade, Marcos Trigo.

“Neste momento no que vivimos, a pandemia pode ser, ás veces, unha escusa para deixar de lado a cultura, que en cambio pode ser unha vacina accesíbel a todas e todos para loitar contra a Covid-19”, indicou Ghaleb Jaber.

Comentarios