Chusa Pérez: "Debería escandalizarnos ir ao teatro e que non haxa intérpretes de lingua de signos"

Padrón estréase como nova sede cun dos espectáculos máis singulares do Festival Atlántica deste ano. Faino coa obra Contando polos dedos, con Quico Cadaval e Chusa Pérez de Vallejo, nos xardíns da Fundación Pública Galega Camilo José Cela en Iria Flavia, Padrón (1 de xullo, 21 horas). A lingua de signos tamén será protagonista das historias que se conten. Explícanolo a actriz en conversa con Nós Diario
A actriz Chusa Pérez de Vallejo integra as persoas xordas no espectáculo 'Contando polos dedos'. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A actriz Chusa Pérez de Vallejo integra as persoas xordas no espectáculo 'Contando polos dedos'. (Foto: Nós Diario).

Que ten de especial esta experiencia escénica?
Agardo que cada vez sexa menos especial. Este tipo de experiencias e de espectáculos creo que deberían ser o normal e non o raro. Tendo en conta que de momento é “o raro”, o que faremos Quico Cadaval máis eu poderán gozalo tanto as persoas xordas como as oíntes. Tamén virá xente que está aprendendo linguas de signos e público habitual para desfrutar de maneira dobre. 

Como se preparou este espectáculo?
Coñecín Quico hai uns 25 anos. Nun festival de moitos contadores. A min o que máis me gustou foi el. Daquela aínda estaba estudando lingua de signos mais pareceume que este tipo de espectáculos tiñan que ser para todas e todos. Ao rematar pregunteille se quería traballar comigo nese tema e quedamos ao día seguinte. Chamoume e comezamos a traballar. A primeira experiencia foi na Casa do Patín. Quedou a amizade e de cando en vez, se eu estaba de público, chamábame e faciamos algo xuntos.

Para preparar un espectáculo hai que coñecer con tempo, se se pode, que é o que se vai contar

Para preparar un espectáculo hai que coñecer con tempo, se se pode, que é o que se vai contar. No caso de Quico hai moita improvisación e hai que coñecelo. Ten moitos recursos lingüísticos e literarios, sabe moito da literatura galega e ten moita ironía, moita retranca. A mellor preparación, no seu caso, é escoitalo moito, coñecelo moito para saber como é a súa maneira de expresarse, os seus recursos, as súas fontes... Fala moito dos mortos da Santa Compaña. Ao final é deixarse levar pola súa liña de traballo, tamén como actriz que son. 

Impartiu un curso de lingua de signos. Trátase de fomentar este sistema de comunicación? 
Levo traballado moito coa discapacidade. O primeiro curso que fixen de teatro para xordos e oíntes foi despois de que montara un grupo, cando traballaba en Madrid. Nas representacións podía participar calquera que soubera lingua de signos.

Xa daquela, montamos un espectáculo, creo que o primeiro destas características no Estado español no que o público podía ser xordo ou oínte mais as actrices e os actores eran todos signantes. Desde aquela o meu percorrido vital e laboral mestura sempre o artístico, a inclusión de toda diversidade funcional e o pedagóxico.

Penso que un mundo futuro que non formule esa vía está fóra e estaría quedando atrás. Todo o mundo o agradece. Pensamos na discapacidade para determinadas persoas mais, por exemplo, as ramplas para as persoas con dificultades que teñen que ir en cadeiras de rodas tamén as empregan as nais que levan un bebé nun carriño.

Pasa o mesmo coa subtitulación das películas que haberá quen pense que son para as persoas xordas mais serven o mesmo para os estranxeiros que non empregan ben unha lingua. Trátase de facer máis accesíbel o mundo. Todos estes cursos que sempre chaman a atención son moi valorados e moi aproveitados onde aprendemos todas e todos. O futuro vai por aí.

Faltan máis tipos de obras que teñan en conta o emprego da linguaxe de signos?
Claro, estamos niso. Ti vas ao teatro e atopas xente guapa no que todo é perfecto mais o mundo non é así. Hai gordos, fracos, xente que escoita ben e outra que fala peor. O teatro non está reflectindo a realidade. Moitas e moitos estamos fóra.

Faltan espectáculos nos que actrices e actores, produtores e mesmo os técnicos sexan diversos. Unha persoa con discapacidade pode dirixir ou deseñar unha escenografía. Hai outras moitas realidades nas que iso xa existe.

Este tipo de espectáculos deberían ser os normais

Agardo que en breve teñamos máis espectáculos nesa liña, eu mesma estou traballando nela. Este tipo de espectáculos deberían ser os normais. Debería escandalizarnos ir ao teatro e atoparnos con que non haxa intérpretes de lingua de signos ou bucle magnético, o programa non estea tamén en braille... cousas que impiden o acceso real do público á obra.

Comentarios