O verán de... Quico Cadaval: "Non diferencio o tempo libre do traballo"

Conversamos co actor e director de teatro no 'Caderno de verán'.
quico cadaval
photo_camera O director e actor de teatro Quico Cadaval.

Como é o mundo do teatro no verán? Ten vacacións?

No meu oficio as vacacións veñen un pouco impostas pola industria cultural. No verán participamos en moitos festivais e espectáculos polo que todos os días hai traballo. Son unhas vacacións diferentes, se tivese que responder á pregunta diría que non as collo, cóllenas por min.

E no seu tempo libre que lle gusta facer?

A verdade é que nunca distinguín ben entre o tempo libre e o traballo. Realmente o noso oficio é o que para a maioría do universo unha actividade de tempo libre. Con todo, se tivese que elixir algunha das actividades que máis me gusta realizar serían camiñar polo monte e ler, sempre lin moito dende pequeno; durante unha tempada perdín o hábito porque xa tiña moitas lecturas de traballo entre o estudo de textos e a documentación, pero ultimamente regresoume o pracer de ler. Ademais tamén me encanta viaxar a lugares onde non coñezo a ninguén.

Di que lle gusta viaxar, planearía algo para este verán. 

Si viaxei, pero non o anuncio demasiado porque a xente síntese algo amarrada; agora semella que viaxar, en vez de ser algo marabilloso, é un pouco insolidario. Este verán visitei Venecia e tamén Colombia por traballo. Para min Colombia é unha terra moi querida, aínda que pareza un país que sempre está ao bordo do precipicio, polo que tamén é unha viaxe de pracer, outra vez traballo e ocio mesturados. 

Hai algún lugar que lle guste visitar durante as vacacións?

O meu fin do mundo: a costa de Ribeira, coas praias de Penisqueira, do Vilar... e despois no outro extremo o Courel. Pero se tivera que quedarme cun lugar, sería coa illa de Manhattan. Nunca fun e dáme a sensación de que todo o mundo pode caber alí dentro.

Recoméndenos un libro, ou unha película ou unha obra para desfrutar o que queda de verán.

Recomendaría o libro de Susana Sánchez Arins, Seique. En canto ao cine, unha película que me gusta moito é Érase unha vez en América. No que respecta ao teatro, recomendo ler as obras que son difíciles de montar, como Marat/Sade de Peter Weiss.

Comentarios