O certame Metro Cadrado dá comezo este sábado no FIOT de Carballo

Será este sábado en horario de mañá e tarde cando dará comezo este certame que posibilita que o público poida ver teatro en diferentes ámbitos, sen barreiras e desde a proximidade.
Alberte Bello nun detalle da obra 'Menú-do día' (Foto: FIOT Carballo).
photo_camera Alberte Bello nun detalle da obra 'Menú-do día' (Foto: FIOT Carballo).

A localidade de Carballo continúa esta fin de semana coa súa programación do Festival Internacional de Outono de Teatro (FIOT), a gran festa das artes escénicas da Galiza. Faino coa estea da VI edición do certame de micro-escenas Metro Cadrado, unha liña de programación que, segundo a organización do FIOT, "promove a creación de pezas escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares de Carballo".

Será este sábado en horario de mañá e tarde cando dará comezo este certame que posibilita que o público poida ver teatro en diferentes ámbitos, sen barreiras e desde a proximidade.

Este sábado decorrerán até catro funcións de dous espectáculos de breve duración. Unha delas será Menú-do día, do Colectivo #ChamizoBelloVila, unha obra que pon o foco nas violencias continuadas que vive o colectivo LGTBQI+.

Outra será Cinecleta, cinema doméstico a pedais, de Sr. Lili, un proxecto de recuperación e exhibición de películas de cinema doméstico en formato 8 milímetros, Super8 e 16 milímetros. O acceso será libre e gratuíto até completar o número de prazas e recoméndase facer reserva previa.

A obra Menú-do día, poderá ser vista ás 12, 13, 18 e 19 horas, mentres que para Cinecleta, cinema doméstico a pedais haberá funcións ás 13, 13.30, 19, 19.30 horas.

Os espectáculos

Menú-do día é unha obra que xira entorno á pegada inesquecíbel que deixa a violencia nos corpos. O actor protagonista, Alberte Bello, "percorre o corredor da vergoña, envolto en fraxilidade" tentando mostrar unha nova e diferente realidade posíbel, desde a disidencia e o activismo capaz de rachar a norma e creando unha sociedade máis avanzada, máis inclusiva e máis real.

Pola súa parte, Cinecleta, cinema doméstico a pedais é un espectáculo escénico desde unha bicicleta antiga de reparto de leite, con Fernando Pujalte como director e actor que presenta unha obra "didáctica entretida e singular".

Comentarios