O FIOT acollerá a estrea galega de 'Conferencia espectacular'

A obra de David Espinosa verá a luz en Carballo este sábado.
Bonecos que conforman a obra 'Conferencia espectacular'. (Foto: David Espinosa)
photo_camera Bonecos que conforman a obra 'Conferencia espectacular'. (Foto: David Espinosa)

O Festival Internacional de Outono de Teatro (FIOT), que decorre estes días en Carballo, acollerá o sábado a estrea na Galiza de Conferencia espectacular, unha obra da autoría do artista ilicitano David Espinosa que el mesmo define como "unha particular clase maxistral sobre as artes escénicas interdisciplinarias". O espectáculo combina a palabra coa manipulación de obxectos, a acción coreográfica e a representación teatral.

O artista, que conta cun extenso percorrido a nivel internacional coas súas montaxes, abordará o xurdimento das novas escenas e dos formatos teatrais máis innovadores, "desde a chegada da electricidade ao teatro até a era dixital, desde Adolphe Appia e Adrià Gual a Carles Santos ou La Fura dels Baus", pasando por artistas que marcaron, "dunha ou doutra forma", a súa traxectoria teatral, entre os que cita Els Joglars, Peter Brook ou Pina Bausch. O espectáculo comezará contra as 21 horas.

Tamén na xornada deste sábado, o FIOT acollerá sexta edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, a liña da programación que promove a creación de pezas escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares de Carballo.

O sábado poderanse ver até catro funcións de dous espectáculos de breve duración: Menú-do día, do Colectivo #ChamizoBelloVila, e Cinecleta, cinema doméstico a pedais, de Sr. Lili.

O primeiro deles, impulsado por Alberte Bello e Diego Chamizo e que se poderá ver no Mercado municipal, pon o foco nas "violencias continuadas que vive o colectivo LGTBQI+", mentres o segundo, Cinecleta, é un proxecto de "recuperación e exhibición, a través do humor e cun formato didáctico", de películas de cinema doméstico en formato 8mm, Super8 e 16mm.

Esta cuarta feira remata o FIOT en ruta

O centro social de Ardaña acolle esta cuarta feira, ás 19 horas, a segunda e última cita do FIOT en Ruta, que busca "expandir as artes escénicas pola comarca bergantiñá".

A compañía Empatía Teatro presentará Esas cousas marabillosas, "unha divertida e conmovedora comedia sobre a depresión, o suicidio e todo o que unha persoa está a disposta a facer polas persoas que quere. Trátase dunha adaptación de Avelino González a partir do fenómeno teatral mundial escrito por Duncan Macmillan.

Comentarios