Patrimonio

As cartas de Virxinia Pereira e Paz Andrade dispoñíbeis na rede

O Consello da Cultura Galega fai pública unha escolma epistolar que mostra o compromiso político da viúva de Castelao
Virxinia Pereira (CCG).
photo_camera Virxinia Pereira (CCG).

Virxinia Pereira, compañeira de Castelao, foi unha destacada figura antifranquista e tamén guieiro da memoria do seu home. O Consello da Cultura Galega (CCG) vén de pór ao alcance da cidadanía as cartas que intercambiou con Valentín Paz-Andrade, que permiten ver, alén da súa personalidade, a complicada constitución do legado do galeguista durante o franquismo.

Ademais, a correspondencia vén acompañada dun texto de Miguel Anxo Seixas que se achega á relación do matrimonio. 

Son 28 cartas que intercambiaron entre 1951 e 1967, nas que se achega información relevante para entender os conflitos xurídicos pola herdanza de Castelao.

En 1936 abríronlle un expediente de responsabilidades políticas ao intelectual, cuxa multa se fixou unha vez morto, o que condicionou totalmente o legado artístico -quer a obra quer os dereitos de autor, que eran cada vez maiores-, e tamén os obxectos embargados en Pontevedra, os depósitos que o matrimonio tiña no banco e á casa materna en Rianxo.

A correspondencia entre Virxinia e Valentín axuda a entender todas as dificultades procesuais da xestión do herdo de Castelao.

Nas cartas elas apréciase a firmeza dunha viúva en respectar a vontade do seu home, pero tamén o compromiso político e ideolóxico dunha figura que viviu á sombra do máximo expoñente do nacionalismo.

Estas cartas, dixitalizadas e transcritas do fondo Valentín Paz-Andrade dentro do proxecto Epístola, inclúen tamén 15 misivas con outros correspondentes: José Ortega Spottorno, Alfonso Fidalgo-Pereira, Clemencia Pereira Renda e Pilar Rodríguez de Prada.

Comentarios