No 70 aniversario de 'As cruces de pedra na Galiza'

O Consello da Cultura propón 30 rutas para coñecer os cruceiros

Na segunda quinta feira de mes o Consello da Cultura Galega (CCG) e mais a Asociación de Amigos dos Cruceiros ofrecen un itinerario polos "Cruceiros da Galiza", nun total de 30 roteiros e máis de 150 cruceiros, cruces pedra e petos de ánimas.
20210311_Rolda_RoteirosCruceiros_ManuelGago_RosarioAlvarez_FernandoArribas_DSC5483
photo_camera Manuel Gago, Rosario Fernández e Fernando Arribas, na presentación. (Foto: Nós Diario)

O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Asociación de Amigos dos Cruceiros, Cruces de Pedra e Petos de Ánimas veñen de presentar o proxecto “Cruceiros da Galiza”, unha iniciativa que agrupa 30 roteiros para dar a coñecer un cento destas construcións, no 70 aniversario da publicación de As cruces de pedra na Galiza, de Castelao.

Na presentación de “Cruceiros da Galiza” estiveron presentes Rosario Álvarez, presidenta do CCG; Fernando Arribas, da Asociación de Amigos dos Cruceiros; e Manuel Gago, técnico do CCG.

“Esta iniciativa pretende pór na axenda cultural o valor artístico e patrimonial dos cruceiros, que habitualmente pasan desapercibidos, aínda que son un tipo de ben moi espallado polo territorio galego e moi asociado coa nosa identidade”, asegurou a presidenta do Consello da Cultura. 

Cada segunda quinta feira do mes, o CCG publicará unha entrega destes itinerarios que, segundo explicou Manuel Gago, “están pensados para poder facerse nunha mañá e poden ser complementados coa exploración do resto do territorio, e dos outros roteiros dispoñíbeis na nosa plataforma”.

O primeiro dos itinerarios propostos para a pasada quinta feira permite visitar os calveiros da Terra Chá, unha das comarcas que garda un maior número de exemplares deste tipo de construcións.

Esta proposta de itinerarios culturais para facer visíbeis os cruceiros e petos de ánimas forma parte dun proxecto máis amplo sobre o que colaboran o Consello da Cultura e Amigos dos Cruceiros. 

Mais agora, comentou Rosario Álvarez, “estes roteiros abren unha serie de actividades que se estenderán até 2022”, nas que ambas as dúas entidades promoverán “un grande encontro para que se poñan en común as últimas investigacións e estudos sobre esta modalidade de bens”. 

Comentarios