Estes son os catro proxectos de literatura e pensamento elixidos para as Residencias Artísticas Mariñán

Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila e Laura Martínez Mateo son as persoas seleccionadas para as residencias na modalidade de literatura, e Carmen Marina Vidal Valiña para a de pensamento.
Reunión do xurado que escolleu os proxectos gañadores.
photo_camera Reunión do xurado que escolleu os proxectos gañadores.

Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila, Laura Martínez Mateo e Carmen Marina Vidal Valiña son as persoas seleccionadas para participar nesta segunda edición das Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento.

Así o decidiu o xurado, composto pola poeta Yolanda Castaño, o escritor Iván García Campos e a filóloga e ensaísta María López Sandez, coa deputada de Cultura, Natividade González, como presidenta e a xefa de sección de Cultura, Manuela Muñiz, como secretaria, nunha xuntanza na que tamén estivo presente o comisario das Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento, Roberto Abuín.

Identidade, memoria colectiva e historia

Natividade González valorou moi positivamente as propostas seleccionadas, "que abordan cuestións tan esenciais como, entre outras, a nosa identidade, a nosa memoria colectiva, a nosa historia contemporánea e a nosa contorna, desde o orgullo, o compromiso e a reflexión".

Ademais, a deputada de Cultura lembrou a importancia de levar a cabo este tipo de iniciativas de apoio aos procesos de creación. "Desde as administracións públicas debemos apoiar os creadores e as creadoras non só nos resultados das súas obras, senón tamén durante a súa creación", dixo.

Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila, Laura Martínez Mateo e Carmen Marina Vidal Valiña desenvolverán os seus proxectos no Pazo de Mariñán do 15 ao 26 de abril onde convivirán cos artistas das Residencias Mariñán de Música, e tamén recibirán a visita de dúas figuras consagradas no mundo das letras e do pensamento,a escritora Chus Pato e o poeta e escritor Ismael Ramos.

Propostas seleccionadas

Literatura
Francisco Rodríguez Casal – Do outro lado. Bebendo dun proceso creativo que integra a comunidade a través de testemuñas corais, "Do outro lado" é un proxecto de escrita de obra de teatro sobre o ecoloxismo, a comunidade e a súa descomposición no rural galego a partir de acontecementos ocorridos na aldea do autor. O xurado salientou que está formulado dun xeito suxestivo, interesante e a liña artística resulta potente.

Esperanza mariño Davila – Narrativa, poesía e tradución en Xosé Manuel Beiras. A proposta ensaística é de interese, segundo o xurado, por afondar na faceta literaria e de tradución dunha figura clave na historia contemporánea de Galicia, Xosé Manuel Beiras.

Laura Martínez Mateo – A identidade agochada. Coa proposta deste poemario que demostra as diferentes vías de acceso á idea de identidade, o xurado quere incentivar a solidez do compromiso co que esta neofalante decidiu facer da cultura galega a súa propia.

Pensamento
Carmen Marina Vidal Valiña – Recuperando a memoria das "tolas" galegas: o manicomio de Conxo a través das pegadas das súas internas. A partir do estudo das historias clínicas de mulleres no manicomio de Conxo, proponse a recuperación da memoria das "tolas galegas". O xurado valorou a recuperación da memoria dun sector de mulleres excluídas, precisamente cando nos motivos da súa exclusión se deron nesgos de xénero tan encardinados nun momento histórico. A proposta é de oito interese e atópase en liña coa traxectoria da autora.

Comentarios