Carlos Nuñez volve lembrar Ricardo Portela en Cerdedo-Cotobade

O gaiteiro de Vigo inclúe o concello na súa xira 'Lugares Máxicos'.
Carlos Núñez. (Foto: Javier Salas)
photo_camera Carlos Núñez. (Foto: Javier Salas)

O vindeiro sábado, 26 de agosto, o Adro da Festa de Tenorio acollerá un concerto de Carlos Núñez. A cita está prevista para as 20 horas. 

O gaiteiro internacional regresa por desexo propio a Cerdedo-Cotobade dentro da xira Lugares Máxicos, despois de que o verán pasado protagonizara un concerto en Viascón en homenaxe a Ricardo Portela, coa participación de agrupacións folclóricas do municipio. 

Na xira, Carlos Núñez selecciona emprazamentos fermosos do patrimonio natural, arquitectónico ou histórico galego para gozar da música ao aire libre. 

Estes concertos tamén buscan un consumo moderado da enerxía, pois propón desde hai anos un novo sistema máis respectuoso coa música e a contorna. 

 

O horario do concerto, ás 20 horas, está pensado para aproveitar ao máximo a luz solar e a beleza do lugar, aproveitando tamén o momento máxico do solpor, fomentando o aforro enerxético e reducindo o impacto por emisións. 

Agrupacións folclóricas locais serán convidadas a participar no evento, no que tamén haberá referencias a Ricardo Portela

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, destaca que "é toda unha honra" que un músico da talla internacional como é Carlos Núñez volvera elixir, con tan pouco tempo de diferencia, tocar neste concello, "o que dá boa conta do a gusto que se sentiu o pasado ano tocando en Viascón e tamén da maxia que lle transmite o noso municipio ao incluírnos na súa xira de Lugares Máxicos". 

Cubela lembra que este concerto supón continuar impulsando un amplo e variado programa de dinamización cultural para este verán no municipio a través de diversas actividades.

 

Comentarios