A obra engade catro novos capítulos que a enriquecen

Sae do prelo a segunda edición da biografía do gaiteiro Ricardo Portela

A segunda edición da biografía Ricardo Portela. Dúas palabras verbo da gaita galega xa está nas librarías, logo dun arduo traballo de colaboración entre o autor da obra, José Luis Calle, e a Asociación de Gaiteiras Galegas. 
ricardoportela_nosdiario
photo_camera O gaiterio Ricardo Portela. (Foto: Nós Diario)

A segunda edición da biografía Ricardo Portela. Dúas palabras verbo da gaita galega xa está nas librarías, logo dun arduo traballo de colaboración entre o autor da obra, José Luis Calle, e a Asociación de Gaiteiras Galegas. 

O libro, que se editou ao abeiro das axudas para publicacións do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra, constitúe un traballo de referencia para a música tradicional.

Desta volta, a obra de José Luis Calle conta con catro capítulos máis nos que se afonda na técnica, no xeito de expresar coa gaita e tamén no lado humano de Ricardo Portela

O volume de Calle publicouse por primeira vez en 1988 e, en 2020, comezouse a traballar nesta segunda edición co gallo do centenario do nacemento de Ricardo Portela. 

Tamén a modo de homenaxe, publicouse o ano pasado a obra De gaiteiro a gaiteiro. Vivencias, transcricións e análise, con autoría do músico Carlos Núñez e publicado polo Consello da Cultura Galega (CCG).

O 'gaiteiro de Viascón'

Ricardo Portela foi tamén coñecido como "gaiteiro de Viascón" por ser este o lugar de Pontevedra no que naceu. Desde que con 12 anos recibiu as primeiras clases de gaita do 'Moreno de Lavadores' está considerado un dos grandes gaiteiros tradicionais, e foi un gran defensor da dignidade do instrumento ao manterse afastado dos círculos oficiais que o relegaban a instrumento para a exhibición patriótica ou a curiosidade exótica. 

Na súa memoria o Concello de Pontevedra organiza desde 2000 o "Memorial Ricardo Portela e Irmáns Pichel", un concurso con participantes de toda Galiza na categoría de toque fechado en solista.

Comentarios