Máis

O legado do gaiteiro Ricardo Portela

Música, baile e mostra de artesáns de instrumentos son algunhas das actividades previstas para o memorial que conmemora a figura de Ricardo Portela, autor de obras como 'Aires de Pontevedra', 'Festa en Viascón' ou 'Alborada en Cotobade'.
 
4-5
photo_camera Á esquerda, Ricardo Portela e Concha de Luneda. Á dereita, mostra de artesáns no Memorial e Caamaño&Ameixeiras. / AGG

Poucos nomes evocan un nivel de mestría tan alto e un compromiso tan férreo coa defensa da identidade galega como Ricardo Portela. Co obxectivo de enxalzar a súa figura, un grupo de veciños e de veciñas uniuse no ano 2000 para impulsar o Memorial Ricardo Portela en Pontevedra. Despois de dous anos, os organizadores propuxéronlle á Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros Galegos (AGG) participar nunha mostra de instrumentos artesanais e desde entón esta entidade asumiu a organización do evento. Este ano celébrase a súa XXIV edición. A programación inclúe diferentes iniciativas que se prolongan desde onte até domingo. 

Mostra de Artesáns

O evento conta coa XXI Mostra de Artesáns de Instrumentos Tradicionais no paseo de Antonio Odriozola e que permite ao público contemplar pezas de gran valor artístico. Durante a fin de semana pode visitarse en dúas quendas: unha pola mañá  de 11.30 a 14 horas; e outra pola tarde de 17.30 a 21.30 horas. Os profesionais que participan nesta mostra son Alberto Pires, Ana Fariña, Artesanía JMR, Iago Salgado, Lorena Reinaldo, Miguel Rivas, Nebra, Obradoiro Balea, Oli Xiráldez, Queima, Xosé Tunhas e mais o Obradoiro de Xaneco Tubío. 

Todos estes expertos coñecen a obra de Portela e reivindican o valor da súa figura. En  declaracións a Nós Diario, o artesán Xaneco Tubío ofrece unha definición que sintetiza con acerto a traxectoria do mestre gaiteiro: "Defendeu sempre que a gaita non era un instrumento máis, senón que era a alma da Galiza, o instrumento nacional".

Xornadas de ruadas

Ao longo dos tres días que dura o memorial, o público poderá desfrutar dos espectáculos de ruadas que percorrerán a Boa Vila animando a xente. Onte actuaron Armadanzas de Laraño, Gaiteiros das Rías Baixas, Millarancos e Músicas da Redonda en distintos puntos da cidade.

A ruada de hoxe será de 11.30 a 13.30; e pola tarde de 18 a 20.30 horas. Os protagonistas serán Ansuiña, Candairas, Cántigas e Frores e Picuíña. Na xornada do domingo, durante dúas horas pola mañá, de 11.30 a 13.30 e dúas horas e media pola tarde, de 18 a 20.30, unha nova ruada volverá percorrer a cidade do Lérez. Os integrantes deste espectáculo serán Aires de Coutado, Boudebou, Os Outros Feirantes e Seimeira.

Concertos na Ferraría

A programación do Memorial Ricardo Portela contempla tamén unha serie de concertos que se celebran cara ao final da tarde. Onte actuaron as Lagharteiras na praza da Ferraría. 

Hoxe renderase unha homenaxe á figura de Concha de Luneda. Os eventos previstos para esa xornada rematarán co Concerto de Xistra de Corouxo, que comeza ás 21.15 na mesma praza despois de que remate a conmemoración de Luneda. A homenaxe consistirá nunha lembranza do que representou a figura de Concha de Luneda para a música no escenario antes de que comece o seu concerto, ás 21.15 horas, Xistra de Coruxo. A última actividade prevista no organigrama é o Concerto dos Folieiros, que despedirá na xornada do domingo o Memorial Ricardo Portela até a próxima edición. A actuación decorrerá na praza da Ferraría ás 21 horas.

Ricardo Portela

Natural de Viascón (Cerdedo-Cotobade), Ricardo Portela criouse acompañado do son da gaita do seu pai e dos seus irmáns José, Alba e Jesús nun ambiente cultural que determinou o seu interese pola música. En 1934, o pai comprou a Ricardo unha gaita. Quedou encantado co agasallo e decidiu crear unha banda cos seus irmáns: Airiños do Canón de Buxo. Jesús no tambor e José tocaba o bombo. Antes do golpe de Estado franquista, a familia mudouse a Vigo, onde Portela cursou os estudos en Artes e Oficios. 

Un dos acontecementos que máis peso terá na vida do autor será o seu recrutamento forzoso en 1939. A partir dese momento percorrerá numerosos destinos, tales como Orgañá, Tárrega e Mataró, onde lle roubaron a gaita. O furto provocou que Portela deixara de tocar e se desvinculara da música durante trece anos. 

En 1955, decide emigrar cara a Venezuela debido a dificultades económicas. Nos catro anos que residiu no país latinoamericano, fundou o grupo de gaitas do Lar Galego e tratou con antigos militantes do Partido Galeguista como Xosé Sesto López. En 1959, regresa a Pontevedra, onde constrúe unha casa. Cando retorna á Galiza, comeza os ensaios co seu irmán Jesús.

En 1988 constitúese a primeira xunta xestora da Asociación de Gaiteiros Galegos, na que desempeñará a Presidencia. Os últimos anos da súa vida dedicounos á docencia, unha actividade á que destinaba gran parte do seu tempo. Para el, as escolas locais debían de estimular a difusión do coñecemento sobre o instrumento.

De gaiteiro a gaiteiro

Hai tres anos o Consello da Cultura Galega conmemorou o centenario do nacemento do mestre gaiteiro presentando a obra "Ricardo Portela; de gaiteiro a gaiteiro"

Concha de Luneda

A XXIV edición do memorial Ricardo Portela rende ademais homenaxe a Concepción Rodríguez Álvarez, máis coñecida polo seu alcume, Concha de Luneda. 

Esta muller nada en Arbo (A Paradanta) é considerada como un dos máximos expoñentes da recuperación e reprodución da música tradicional galega, un labor que desempeñou que desempeñou nas súas intervencións na televisión e na radio.

Pola súa casa do Carnal, no Concello da Caniza (A Paradanta) pasaron moitas persoas novas que demandaban os cantos aprendidos durante a súa nenez e que ela reproducía con mestría acompañada da súa pandeireta tocada co gharabato (pau de xesta) por mor de doenzas crónicas. A súa biografía, xunto ao seu legado musical aparecen no libro do músico popular Xerardo F. Santomé, Concha de Luneda: A vida nunha cantiga, presentado no concello da Cañiza en decembro de 2022.

Comentarios