O Carballo Interplay proxectará 20 webseries de 11 países na súa Sección Oficial, 4 delas estreas galegas

O festival de contidos acolle o día 4 de abril a estrea da web serie “A moza que abortou e o contou”, gañadora na pasada edición do premio a Mellor Proxecto de Serie Web, co que recibiron 3.000€ para producila. Outros catro proxectos presentaranse este ano ao Premio a Produción de Contido Dixital en Galego, con ideas para plataformas e redes sociais.
'A moza que abortou e o contou' é a serie gañadora do ano pasado.
photo_camera 'A moza que abortou e o contou' é a serie gañadora do ano pasado.

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay (CIP) presenta a súa Sección Oficial de webseries, que un ano máis recolle proxectos de todo o mundo con gran variedade de temáticas e xéneros. Serán 20 webseries que se proxectarán divididas en bloques durante os días do festival, do 4 ao 7 de abril.

O CIP tamén acollerá a estrea de A moza que abortou e o contou, o proxecto gañador na pasada edición ao premio a Mellor Proxecto de Serie Web, cunha contía de 3.000 euros que permitiu a súa produción. A protagonista da historia é Cora, unha moza que decide contar á súa familia que abortou, durante un encontro no Nadal, desatando debates e contradicións que a súa irmá pequena grava co teléfono. Dirixida por Eire Cid e Rosalía Quiroga, proxectarase o día 4 de abril ás 20 no Mercado de Carballo (Bergantiños).

Entre as webseries internacionais da Sección Oficial atópanse proxectos de Canadá, Arxentina, China, Francia, República Checa, Colombia, Corea, Dinamarca, Australia ou Kazajstan. Ademais, cinco webseries galegas presentaranse por primeira vez ao público: Nómades, dirixida por Marta Insua; Poscoito, de Héctor Rodríguez; Pulp Air, de Anita Pico e Rent-a-pal de Irene Pin. As proxeccións divídense en catro bloques en base á súa temática. 

O primeiro bloque, "Sorpresas que dá a vida", será o 4 de abril ás 16 horas no Mercado, e nel o público achegarase a personaxes que buscan o seu oco no mundo.

O día 5 será a quenda do bloque "Experiencias na vida", ás 19 horas. Unha viaxe até a Francia en guerra de 1915, a historia dun home que descobre un almacén de droga e decide facer negocio ou un repaso en clave de comedia a todas as situacións que se poden dar despois de ter sexo. A xornada rematará coa clásica Sesión Golfa, ás 23.30 horas, cunha selección que leva por nome "Risas que dan vida", dedicada á comedia

Finalmente, o día 6 será a quenda do bloque “Destinos na vida”, na que se proxectarán series que teñen en común a presenza de xiros na vida das protagonistas. 

Comentarios