Contracultura

Jorge Boquete: "Ser a primeira serie en galego en recibir o galardón a Mellor episodio piloto é un orgullo"

Jorge Boquete (A Coruña, 1991) é o director da webserie A arte de ser (mal) pai, que fora galardoada co premio do público durante a pasada edición do Carballo Interplay e que vén de ser recoñecida como a primeira serie en galego en alcanzar o galardón mellor episodio piloto do Festival Serielizados.
O cineasta Jorge Boquete (Foto: Nós Diario).
photo_camera O cineasta Jorge Boquete. (Foto: Nós Diario).

—Sendo a primeira vez que unha serie gravada integramente en lingua galega é galardoada co premio Mellor episodio piloto do festival, como o reciben?
En primeiro lugar, para nós foi toda unha sorpresa que nos seleccionaran e poder ensinar a serie con tan boa compañía xa era o verdadeiro premio. Evidentemente, que sexa a primeira tamén é un orgullo, aínda que hai que dicir que o ano pasado tamén estivera Pringadas participando no showcase. De feito, eramos a única serie en galego seleccionada, as outras tres eran catalás. Creo que puidemos aproveitarnos da estela que deixou O Corno e colarnos un pouco entre persoas que son tan top creando.

Ao final esta foi unha serie que creamos a partir de conversas con Xosé Manuel Esperante, o protagonista, que xa participara connosco en varios proxectos, e con Óscar Cruz, o guionista, sobre as complicacións da paternidade. Así, argallamos esta historia coa intención de ensinar un pouco un conflito que está moi visto no audiovisual, mais non desde este punto de vista. Óscar e eu queríamos proxectar no noso protagonista os nosos medos, porque ningún dos dous somos pais, pero se o fose o caso seríamos igual de desastre que este home. 

—Con todo, a serie non trata só a cuestión da paternidade. 
A paternidade é o que envolve toda a historia, mais esta tamén fala de madurar, de facerse maior, a través da nena protagonista, Jacoba. Ela está atopándose a si mesma, pasando polo período da adolescencia, e ademais o pai é como un adolescente no corpo dun adulto que tamén ten que facer ese camiño. Son dous momentos que poderían non ter moito en común se o pensamos de primeiras, mais no punto no que están ambos ese camiño cara á madurez o acaban facendo da man. 

É un conflito que a nós sempre nos interesou: historias coming of age, películas de adolescentes tipo Boyhood. Queríamos facer algo nesa liña, máis lonxe do que fixemos até agora porque sempre eran comedias como moi disparadas e cun ton absurdo. Aquí xogamos máis con facer unha comedia feel good, un estilo de cine indie, que tamén nos gusta moito. Creo que son un tipo de conflitos máis maduros. 

—Tendo recibido ademais o premio do público no Carballo Interplay, notan unha boa acollida?
É brutal. Desde que a estreamos, a verdade. O Carballo Interplay era o noso festival de referencia, sen dúbida, no que medramos nós como creadores e non gañaramos nada até esa décima edición. A acollida do público sorprendeunos moito, para ben, porque é verdade que é unha historia coa que todas as persoas conectan moito. Séntense identificadas e empatizan cos diferentes conflitos que xorden ao longo da serie. 

Moita xente, nas presentacións que fixemos, incluíndo Madrid e Barcelona, nos dicía que tiñan a sensación de que era unha historia moi real. Creo que é a chave: a universalidade da historia. Está moi localizada nun barrio da Coruña, mais ao final é moi doado entender a historia e o seu desenvolvemento. É unha historia que, se non a vivimos, tivémola moi de preto e de maneiras moi similares. Aí radica o éxito da serie entre o público. 

Tamén nos comentaron moitas persoas que nunca viran unha serie neste ton, que mesturara desta maneira o drama e a comedia. Nós si temos moitos referentes deste estilo, mais é certo que no noso audiovisual non é tan habitual ver esta mestura de xéneros. Sempre intentamos facer contidos que nos gustaría ver a nós mesmos, polo que tamén buscamos que os nosos referentes estean presentes nas cousas que creamos, así como diferenciarnos do que se está facendo. Queremos ir un pouco máis aló do que xa existe aquí. Agora mesmo, ademais de seguir amosando a serie pola Galiza, queremos intentar conseguir unha adaptación a longametraxe. 

Comentarios