‘It's fine, I'm fine’ e ‘A arte de ser mal pai’ conquistan o Carballo Interplay

It's fine, I'm fine conquistou o premio á Mellor serie e A arte de ser mal pai fíxose co premio á Mellor serie galega e co Premio do público. O galardón á Mellor dirección foi para Fake Live e o xurado novo premiou a belga Frangine$.

O festival de contidos dixitais decorreu en Carballo (Bergantiños) esta semana. (Foto: Aigi Boga)
photo_camera O festival de contidos dixitais decorreu en Carballo (Bergantiños) esta semana. (Foto: Aigi Boga)

A 10ª edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebrou dende a pasada cuarta feira en Carballo e na rede, a través do streaming, baixou o telón na noite deste sábado coa gala de entrega de premios ás mellores series para web. Triunfaron en Carballo (comarca de Bergantiños) a comedia sobre a saúde mental, It's fine, I'm fine, o thriller sobre as redes sociais e a identidade, Fake Live, e A arte de ser mal pai, a historia dos últimos días que pasa un pai ca súa filla.

O xurado, composto por Excómplice, Burnin' Percebes e Alejandro Rodríguez, outorgoulle a It's fine, I'm fine, o premio á Mellor serie, dotado con 800 euros e trofeo, así coma o de Mellor guión, dotado con 200 euros e trofeo.

O de Mellor serie en versión orixinal en galego, dotado con 800 euros e trofeo, foi para A arte de ser mal pai e Pringadas. O premio para Mellor dirección, dotado con 200 euros e trofeo, foi para a brasileña Fake Live, un thriller sobre as redes sociais e a identidade.

Premio do público

As asistentes ao Carballo Interplay tamén tiveron a oportunidade de escoller a súa webserie favorita e finalmente decidiron que a gañadora ao premio do público, dotado de 400 euros, sexa A arte de ser mal pai.

Pola súa parte, o xurado novo, composto por Xulia Lomba, Cés e Xacobe Bruña, decidíu outorgar o seu premio, dotado con 400 euros e trofeo, a Frangine$, a historia de dúas irmás que deciden reencontrarse tras dez anos separadas para secuestrar ao seu pai. Tamen deron unha mención honorífica á serie checa TBH, que conta a historia dun instituto no que aparentemente vai ter lugar un atentado.

Premio ao mellor proxecto de webserie en galego

Reunido en Carballo, o xurado composto por Xosé Regueira, Anxos Fazáns, Adrián Lede e Sonia Méndez decidiu outorgar o Premio ao mellor proxecto de webserie en galego, dotado con 3000 euros para a produción dos tres primeiros capítulos, a A moza que abortou e o contou, de Eire Cid, Rosalía Quiroga e Cora, un falso documental que narra a través da pantalla dun móvil a historia dunha rapaza que decide contarlle á súa familia a súa decisión de abortar. A serie estrearase na próxima edición do Carballo Interplay.

Comentarios