Chega a Vilalba 'Iribarne', unha revisión da figura de Manuel Fraga en clave de humor

A obra desembarca na Galiza tras a súa presentación en Madrid, onde estivo en cartel un mes e esgotou todas as entradas.
Lidia Veiga e Xurxo Cortázar nunha escena de Iribarne.
photo_camera Lidia Veiga e Xurxo Cortázar nunha escena de Iribarne.

Despois do éxito da súa presentación en Madrid, Iribarne, a última proposta escénica de ButacaZero, vaise estrear na Galiza o vindeiro 13 de xaneiro en Vilalba. O Auditorio Carmen Estévez será o punto de partida dunha xira por boa parte do país e por numerosas cidades do Estado que se desenvolverá durante 2024. A peza, unha revisión da figura de Fraga en clave de humor, é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia. 

Despois da súa estrea galega no concello natal de Fraga, Iribarne comezará unha intensa xira que xa ten outras trece datas confirmadas dentro e fóra da Galiza e entre as que figuran Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña, Lugo, Ribadavia, Barco de Valdeorras, Vilagarcía de Arousa, Tomiño, Cangas, Narón, Miranda del Ebro, Bilbao e Vitoria.

Iribarne é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica.

A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como "un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios, pero incriblemente imprescindibles da nosa historia". Segundo ela, é "o traballo máis difícil que escribín ata agora" e engade que "foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar".

Pola súa parte, para Castiñeira, responsable da dirección de Iribarne, "este personaxe é inabarcábel” e "entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo", e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política. 

Foco Esther Carrodeguas

Iribarne, ademais, vai ser o espectáculo responsábel de inaugurar a programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura, que incluirá un 'Foco Esther F. Carrodeguas' con tres dos máis recentes traballos que a dramaturga e actriz desenvolveu coa compañía ButacaZero. Ademais de Iribarne, o día 20 de xaneiro, presentaranse neste foco dedicado á dramaturga e actriz O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada e Rapadas, que se van representar os días 24 e 25 de maio, respectivamente. 

Comentarios