ButacaZero pásase á ópera electrónica con 'Papaguena'

A compañía viguesa adéntrase nunha obra musical, integramente en galego, A preestrea será en Rianxo para iniciar unha xira que a levará de Pontevedra a Bueu.
O equipo da compañía ButacaZero (Foto: ButacaZero).
photo_camera O equipo da compañía ButacaZero (Foto: ButacaZero).

A compañía ButacaZero, dirixida por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, estreará en setembro Papaguena. A nova creación é unha ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego, con perspectiva de xénero, que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica. A compañía deu a coñecer onte este proxecto no mercado de artes escénicas Galiza Escena Pro. 

A nova proposta de ButacaZero é obra do compositor galego Iago Hermo e está inspirada na parella de persoas-paxaro da célebre A frauta máxica, de Wolfgang Amadeus Mozart. Con esta peza, Castiñeira e Carrodeguas estrearanse tamén na dirección escénica dunha ópera.

Segundo explican nun comunicado, a idea ten vontade de "afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística", mais tamén pretende "rachar con outros clixés presentes no mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato, o vestiario ou a escenografía", que non contará con elementos analóxicos e se baseará no espectralismo minimalista.

O resultado será un espectáculo "musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo" que levará a ópera a vilas por onde non adoita chegar. 

Risco escénico e colaboración con artistas

A compañía viguesa contará no reparto coa soprano Esperanza Mara e o barítono Jacobo Rubianes Castelo. Ana Arteaga (escenografía) e Diego Valeiras (vestiario) completan o equipo técnico.

Con esta nova produción, unha ópera galega e en galego, ButacaZero mantén a súa aposta polo risco escénico, pola creación emerxente a través da colaboración con artistas da Galiza e pola creación vinculada á temática social e cunha fonda implicación no territorio.

Neste sentido, un dos principais obxectivos de Carrodeguas e Castiñeira é "construír país arredor da cultura". Para iso, adaptarán a ópera contemporánea á realidade social galega, levándoa tamén a espazos non convencionais para a súa representación, coa intención de chegar a público tanto adolescente como adulto de toda a Galiza.

A preestrea será o 2 e 3 de setembro en Rianxo para contar despois coa estrea oficial en Pontevedra o 10 do mesmo mes. Despois pasará polo Grove, Caldas de Reis, Gondomar e Bueu, entre outros municipios.

Comentarios