Bruno Arias debuta como director cun filme sobre a figura de Xela Arias

'Os espazos en branco', producida por Serea Films, reflexiona sobre esas persoas que nos inspiran e que admiramos e sobre como esas persoas constrúen as nosas personalidades, intereses e ambicións.
Meania Cruz nunha escena da película.
photo_camera Meania Cruz nunha escena da película.

Bruno Arias (Vigo, 1998) debuta como director coa estrea, esta sexta feira ás 19.45 horas no Salón Teatro de Compostela, da longametraxe Os espazos en branco, no marco da 37ª edición do Festival Cineuropa. As entradas para a estrea do filme saíron á venda o pasado día 7 de novembro e esgotáronse en cuestión de horas. 

A película, producida por Serea Films, reflexiona sobre esas persoas que nos inspiran e que admiramos e sobre como esas persoas constrúen as nosas personalidades, intereses e ambicións. Faino a través da figura de Xela Arias, a tía do director, que faleceu cando el tiña tan só cinco anos e da que di non ter apenas recordos. 

As intencións de Bruno Arias nesta longametraxe son traspasar a figura pública da poeta para atopar nela unha persoa: a súa tía. O testemuño de familiares, amigos e xente que traballou con Xela combínase coas interpretacións de Melania Cruz, Sheyla Fariña e Lidia Veiga para dialogar coa ausencia e levarnos nun traxecto polos camiños da memoria. 

Este non é soamente o primeiro filme deste novo director, senón tamén o primeiro traballo de gran parte do equipo técnico. Nos créditos desta película podemos ler os nomes dun grupo de xente nova que demostra a súa profesionalidade nesta obra que se estrea nun dos festivais de cine máis importantes da Galiza. 

Os espazos en branco, que verá a luz esta sexta, comezou a rodarse en 2021, o ano no que precisamente se lle dedicou o Día das Letras Galegas a Xela Arias. Un ano marcado pola cantidade de actividade en relación á escritora, quen nos traslada á Galiza dos anos 80 e 90, un país urbano que conserva a memoria da aldea e que vive as profundas transicións demográficas, económicas, sociais e culturais que caracterizaron o seu tempo.  

Comentarios