'Os espazos en branco', un filme que se achega a Xela Arias cunha perspectiva "íntima e familiar"

É a ópera prima de Bruno Arias, o seu sobriño, que recoñece a grande "influencia" de Xela na súa vida, e unha herdanza, o "impulso creativo".
O equipo de rodaxe do filme sobre Xela Arias. (Foto: Os espazos en branco)
photo_camera O equipo de rodaxe do filme sobre Xela Arias. (Foto: Os espazos en branco)

Este domingo principiou no concello de Sarria a rodaxe do filme Os espazos en branco, a ópera prima do vigués Bruno Arias, que se achega á figura da súa tía, a poeta Xela Arias.

A película, segundo informan desde o equipo de comunicación, "nace do proxecto A unidade componse da desorde, que recibiu a axuda de talento da Agadic en 2021".

"Como se pode querer a quen non se coñece? Que parte do que somos vén de imaxes que non
temos? Canto dunha persoa hai nas lembranzas que quedan sobre ela?". Estas son algunhas das "preguntas universais" que o director formula neste filme.

"A película busca abordar a Xela Arias dende unha perspectiva íntima e familiar e estabelecer un diálogo coa ausencia, un traxecto polos camiños da memoria", precisan.

Arias explica que a idea de dirixir este filme naceu "hai tempo", se ben non lle comezou dar forma até finais de 2020. A elección de Xela para o Día das Letras Galegas de 2021, afirma, foi o "último pulo" que lle faltaba ao proxecto.

"Levo moito tempo cunha espiña cravada: non lembro case nada dunha das persoas que máis me influíu na miña vida. A miña tía Xela morreu cando tiña 5 anos e só me quedan dela as memorias doutras persoas", conta o autor.

Agora, 18 anos despois, quere "transitar as caras e lugares" para dar luz a ese "conflito interno" a través da "primeira herdanza" que lle deixou, "o impulso creativo".

O equipo de rodaxe está composto por Bea Villar, Lucía Ramiro, Miguel Gomar, Miguel Sambréijome, Lucía Amado, Antía Carreira, Paula, V. Guisande, Xandre Táboas, Raúl López, Alba Otero, Maite Martínez, Laura Piñeiro, Xoana Díaz, Paula Quiroga e Iván Castro. Álvaro Liste encárgase da produción.

A rodaxe comeza na casa familiar de Vilerma, en Sarria, e pasará por Compostela, Vigo e Fene "entre finais de marzo e comezos de abril". Nesta última localidade sumaranse as tres actrices que conforman o elenco do filme.

Comentarios