A compañía Sarabela Teatro adapta á escena a súa novela "Morgana en Esmelle"

Begoña Caamaño salta ao escenario

A responsabilidade e o compromiso, a materia de Bretaña e a sociedade contemporánea. A novela de Begoña Caamaño que trata todos estes temas, Morgana en Esmelle, cobra agora unha nova vida na montaxe teatral de Sarabela Teatro, unha recreación do mito artúrico que apón a pregunta do compromiso ético.
Quico Cadaval, Fernando Dacosta, Fina Calleja e Laura Míguez nunha escena de 'Morgana en Esmelle', de Sarabela Teatro. (Foto: Ovidio Aldegunde)
photo_camera Quico Cadaval, Fernando Dacosta, Fina Calleja e Laura Míguez nunha escena de 'Morgana en Esmelle', de Sarabela Teatro. (Foto: Ovidio Aldegunde)

A emancipación da muller como parte dunha loita más ampla que comprende o entendemento entre os pobos, a vontade popular por diante dos intereses das elites, a loita contra toda inxustiza. Morgana en Esmelle, a novela de Begoña Caamaño, mostraba un concepto de sororidade profundamente impregnado de ética e integrado no relato mítico da materia de Bretaña cunha lectura inequivocamente contemporánea. A compañía Sarabela Teatro, presenta agora a súa versión teatral da obra, incidindo neste compromiso co mundo no que vivimos nunha montaxe que depura narrativamente o relato de Caamaño, mostrando todas as súas capas. 

"A novela de Caamaño é fascinante", declara Ánxeles Cuña, directora da montaxe, a Nós Diario. "Seduce desde o primeiro momento con ese compromiso que mostra no texto. Trátase dunha recreación única e absolutamente orixinal do mito pola que nos sentimos inmediatamente atraídas: compartimos as súas preocupacións pola liberdade, pola dignidade, pola loita contra a discriminación… e pensamos que era o momento de poñer en escena unha obra como esta. O reto foi darlle carne teatral, reestruturar a novela de forma que todas esas capas chegasen ao público dunha forma nidia". 

"Foi unha marabilla poder contar con este equipo, porque nos permitiu equilibrar contido e forma, narrar de novo o relato artúrico sen perder as pontes éticas e políticas que Caamaño estabeleceu na súa versión do mito", di Ánxeles Cuña, directora do espectáculo

Converter a materia de Bretaña en teatro

Para trasladar a complexidade da novela en obra de teatro, Sarabela construíu un espazo case clásico, espido, que permite visualizar de forma simbólica todos os espazos e as franxas temporais polas que transita o relato. "Si, houbo que estilizar moito para que o fío narrativo tivese continuidade", di a directora, "e para iso foi crucial a coordinación de todo equipo, o vestiario case escenográfico de Ruth D. Pereira, o espazo escénico de Pedro Fresneda, catro pezas de videoarte de Terser Home (Carlos Lago), a música de Guadi Galego, Mercedes Peón e Uxía... Foi unha marabilla poder contar con este equipo, porque nos permitiu equilibrar contido e forma, narrar de novo o relato artúrico sen perder as pontes éticas e políticas que Caamaño estabeleceu na súa versión do mito". 

As interpretacións resultan importantes á hora de darlle vida a unha trama que se move no campo do mitolóxico pero que require dunha visión contemporánea que lle dea sentido. "A complexidade da historia, que transcorre ao longo de moitos anos e que, polo tanto, contempla moitos cambios nas personaxes, esixía enfrontar as actuación con moita veteranía técnica. Se non, sería imposíbel levar ao escenario unha historia de realismo máxico como esta". 

Á esa veteranía de catro membros da compañía únense a frescura de Laura Míguez, como Morgana, e a figura xa case venerábel de Quico Cadaval no papel de Merlín. "Quico é un Merlín perfecto, é probabelmente o mellor contador de historias deste país e dá non só o físico, senón tamén a alma do personaxe", comenta Cuña. "O problema con el é que ten unha axenda tremendamente conxestionada, mais é unha persoa moi xenerosa e aceptou a nosa proposta. É unha festa poder contar con el no elenco". 

A respecto de Laura Míguez, que carga coa responsabilidade de interpretar o papel protagonista, Cuña valora a súa personalidade. "Interpreta a Morgana de nena, de adolescente, de moza e de muller madura, con todos os cambios de rexistro que se precisan para iso. 

Implicarse co futuro 

A montaxe de Sarabela -e a novela de Caaamaño- pon o acento nesa sororidade que pode chegar a unir a mulleres rivais, mais sobre todo afonda na necesidade de aceptar as consecuencias dos nosos actos e de abrazar compromisos. "A obra, en realidade, preséntase como un gran flashback que mostra  os erros cometidos polos personaxes e o proceso que os leva a recoñecer as súas equivocacións e perdoar. É unha recreación dun mundo pagán e matriarcal de mulleres fortes que buscan o ben común, enfrontado ás manobras de Merlin, nas que se confunden o proveito para a sociedade co mantemento dunha posición de poder. Mais non se trata dunha cuestión de pedir perdón ou perdoar, senón da necesidade de implicarse e comprometerse co futuro", remata Cuña. 

"Que podemos esperar dun goberno que reduciu á metade o orzamento para cultura nos últimos dez anos?"

A pandemia e a escena 

O futuro é algo que a escena galega non acaba de ver claro: á escaseza tradicional hai que sumar os danos causados pola pandemia. Nese sentido, Ánxeles Cuña cre que "hai que facer un estudo que valore a repercusión real da pandemia no sector. Necesítanse compromisos que vaian máis alá das axudas con diñeiro europeo, plans de continxencia concretos que lle devolvan á cultura a importancia que ten como columna vertebral dun sistema verdadeiramente democrático. Pero que podemos esperar dun goberno que reduciu á metade o orzamento para cultura nos últimos dez anos?", sentenza. 

Unha longa carreira de adaptacións 

Nos máis de corenta anos de traxectoria de Sarabela, as adaptacións literarias tiveron un peso importante: desde A esmorga de Blanco amor (da que fixeron dúas versións), até A lingua das bolboretas de Manuel Rivas, o Ensaio sobre a cegueira de José Saramago ou A conxura dos necios, de John Kennedy Toole.

Comentarios