Sarabela levará a escena “Ensaio sobre a cegueira” de Saramago

A compañía Sarabela Teatro levará á escena Ensaio sobre a cegueira de José Saramago. Unha visita ao psiquiátrico de Toén bota a andar a preparación do espectáculo que se estreará en setembro. 

sarabela
photo_camera Visita a Toén (do facebook da compañía)

O grupo de actrices e actores xunto coa directora Ánxeles Cuña visitaron o psiquiátrico de Toén como arranque da preparación da obra teatral que están a preparar sobre a obra Ensaio sobre a cegueira do Nobel portugués José Saramago. 

A compañía anunciaba o novo espectáculo que se estreará o vindeiro 24 de setembro cunha imaxe da visita ao centro psiquiátrico que realizaron co fin de se achegar “ao universo de Saramago”. Josito Porto, Nate Borrajo, Xavier Estévez, Jorge Casas, Sabela Gago, Vicente Montoto, Elena Seijo, Fernando Dacosta e Fina Calleja compoñen o amplo elenco desta nova montaxe da compañía dirixida por Ánxeles Cuña, autora tamén da adaptación da obra de Saramago ao teatro. 

A compañía, que vén de cumprir 35 anos de historia, recibiu o premio honorífico do Festival Primavera do Cine de Vigo na quinta edición na que A volta dos nove de Antonio Caeiro, na categoría de longametraxe, Curricán de Álvaro Gago, en curtametraxe e Bombones de cereza de Inerttes na modalidade de videoclip foron as obras gañadoras. 

Comentarios