Estrea o 16 e o 17 no Auditorio de Ourense

Sarabela saca a literatura de Rivas á escena

A lingua das bolboretasA traxectoria do balón son os textos inspiradores da nova montaxe desta compañía de teatro, que traballa agora baixo a dirección de Gonçalo Guerreiro.
sarabela
photo_camera Imaxe dunha das producións anteriores de Sarabela.

Sarabela fai 40 anos e celébrao, unha vez máis da man de Manolo Rivas. “Cando cumprimos 20 anos montamos O lapis do carpinteiro e os 25 celebrámolos con O heroe”, relata Fernando Dacosta, integrante da compañía, que lembra, “fixemos tamén unha lectura dramatizada en Madrid de Os libros arden mal e agora, de novo, volvemos a Rivas”.

A obra, que se estrea o próximo día 16 no Auditorio de Ourense, “parécenos que ten unha vixencia importante porque, dalgunha maneira, mirar atrás e ter memoria fainos reflexionar sobre o presente”, asegura o actor, “por suposto atráenos respecto da poética de Rivas, pero tamén para denunciar o ascenso de posturas fascistas e contra o diálogo”.

A lingua das bolboretas non é o único das narracións de Rivas que inspira esta montaxe de Sarabela, sobre isto, Fernando Dacosta explica, “era un relato que para facer un espectáculo teatral parecía que non nos chegaba e, para redondealo con algo máis, o director fixo a dramaturxia sumando A traxectoria do balón, que nos permite unilo coa presenza feminina e o seu universo, as súas necesidades e as súas carencias", puntualiza.

O actor engade que "tamén hai unha serie de cancións a partir de distintos poemas de Rivas e, incluso, hai momentos intertextuais, porque por veces aparecen outros relatos".

A situación actual, provocada pola pandemia da Covid-19, complica as tarefas das artes escénicas en varias direccións, unha delas é a distribución dos espectáculos.

Sobre este tema, o integrante desta veterana compañía asegura que “en xeral a distribución está a ser moi complexa, xa sempre o é pero agora coa Covid-19 moito máis”.

Dacosta exemplifica a situación desta maneira, “ás veces sabes con tempo cando vas ter función e, agora, se tes sorte sáenche traballos moi pegados”.

especto dos principais demandantes de actividades, “algún concello ve a última hora que pode programar, pero hai funcións que cambian de data e noutros casos non tes a seguridade de que se vaia poder facer o espectáculo”.

índa así, a valoración final procura ser positiva e “por fortuna houbo unha recuperación a partir do verán e hai que seguir camiño”. A outra principal dificultade dos espectáculos en directo está a ser a capacidade dos teatros, para o actor ourensán “iso pode acabar por facer inviábel a actividade” e para evitalo di que “hai que apelar ás autoridades culturais e sanitarias e tamén á propia profesión para que haxa unha rebeldía ao respecto disto”.

“O Auditorio é un espazo de 900 persoas e dísenos que a máxima capacidade ten que ser 170”, un prexuízo claro que Dacosta afirma que afecta en varias áreas. "Nun espectáculo de recepción colectiva, a emoción e a catarse son máis complicadas”, di, e explica que logo está a viabilidade económica, “aí as administracións teñen que responder e saber que as billeteiras non van ser as mesmas”.

Sobre a Aula de Teatro Universitario, outra das actividades da compañía, Fernando Dacosta comenta como se vai adaptar á nova situación, "imos tentar sacar as aulas adiante, pero hai unha redución da matrícula, se antes podían ser 25 persoas no primeiro nivel, agora van ser 15". 

A MITEU, primeira mostra que decorreu este ano

Sarabela non é só unha compañía de teatro, entre as súas outras actividades está a organización da MITEU (Mostra Internacional de Teatro Universitario), que se desenvolveu este verán entre os días 2 e 15 de xullo.

Fernando Dacosta comenta que o evento se levou adiante “nunhas condicións moi complicadas porque foi a primeira mostra que se fixo no Estado español logo da pandemia", e recalca, "por fortuna todo saíu de marabilla e, evidentemente, cumprimos con todos os protocolos sanitarios”.

Sobre a capacidade, que podía ser de até de tres cuartos, explica que "fomos deixámolo na metade". Baixo o lema ‘A cultura é segura’, Dacosta reflexiona, “en calquera momento pode haber contaxio pero iso nunca se vai trasladar ao público tal e como están montados os teatros”.

Comentarios