Tres premios en dous meses para “Morgana en Esmelle”

Tres premios en menos de tres meses dánlle unha singular marca á novela Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño. Ao recoñecemento da Asociación Galega de Editores que o nomeou mellor libro de narrativa do pasado ano e ao Premio da Crítica Española, súmase o Losada Diéguez en creación literaria. 

Begoña Caamaño
photo_camera Begoña Caamaño

A segunda novela de Begoña Caamaño resultou gañadora do premio Antón Losada Diéguez na súa XXVIII edición canda Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro (Xerais) de Ramón Nicolás na categoría de ensaio. Os premios convocados polos concellos de Boborás e O Carballiño, patrocinado pola Deputación de Ourense, valoran a mellor obra publicada entre as edicións co cal, por terceira vez a obra de Caamaño recoñécese como a mellor publicada en narrativa no pasado ano. 

Un xurado composto por Euloxio Rodríguez Ruibal, Dolores Vilavedra, Francisco Luis Fariña Busto, Avelino García, Xosé Henrique Costas e Goretti Sanmartín decidiu premiar a novela de Begoña Caamaño pola “súa orixinalidade no tratamento dun tema de longa tradición, non só na literatura galega senón nas literaturas universais”. Segundo o xurado, a novela consigue “renovar a temática artúrica fuxindo de estereotipos e creando poderosas personaxes femininas. Por outra parte a obra combina un persoal estilo literario cun magnífico traballo lingüístico”.

Morgana en Esmelle foi escollida recentemente como mellor obra narrativa nos Premios da Crítica Española, na categoría de narrativa galega, fallados o pasado sábado día 13 en Ponferrada. Un mes antes, a novela de Begoña Caamaño recibira o premio da Asociación Galega de Editores, en ambos casos coincidindo con Manuel Álvarez Torneiro na categoría de poesía. 

Da súa segunda novela, a autora comentou recentemente nunha entrevista no semanario Sermos Galiza que se pode “ler con claves de contemporaneidade e propón outro tipo de modelos. A cultura ten que camiñar apegada á ética. Non podes estar calada diante do que pasa, tes que tomar postura, propor alternativas”. A segunda novela de Caamaño publicouse despois de que a xornalisa se dese a coñecer como escritora con Circe ou o pracer do azul. En ambos títulos, a escritora revisita a historia literaria e mítica desde a súa escrita feminista. 

Comentarios