xoves 21/10/21
'Nerea. O príncipe da sorte'

Aventuras en banda deseñada con fases de videoxogo

A segunda edición do premio Garaxe Hermético escolleu como gañadora a banda deseñada 'Nerea. O príncipe da sorte', que asinan Pablo Prado nas ilustracións e Miguel Rojo no guión. Trátase dunha historia con doses de humor na que unha moza entra, a través dun charco, nun universo de fantasía para rescatar un príncipe. 
Cadriño de 'Nerea. O príncipe da sorte'. (Foto: Pablo Prado)
Cadriño de 'Nerea. O príncipe da sorte'. (Foto: Pablo Prado)

O II Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, que organiza a escola pontevedresa xunto á editorial Xerais, recoñeceu un traballo realizado durante o confinamento: Nerea. O príncipe da sorte, de Pablo Prado (ilustracións) e Miguel Rojo (guión). A banda deseñada publicarase a próxima primavera, mais o escritor da trama adianta a Nós Diario algunhas chaves da historia.

A protagonista é Andrea, unha rapaza algo desordenada e desobediente. Un día de chuvia, saltando nos charcos, remata caendo por un deles e "vai parar a un mundo de fantasía", explica Rojo. Como Alicia na tobeira, mais sen inspiración en Lewis Carroll, alí a rapaza emprenderá a misión de rescatar un príncipe, invertendo os habituais roles de xénero. Nesta peripecia ambos os dous serán perseguidos por varios monstros, en diferentes mundos que se asemellan ás "fases dun videoxogo".

Sen ter tampouco este xénero como fonte de inspiración primaria, Rojo apunta que se pode tratar dunha linguaxe familiar e atractiva para o público máis novo, ao que vai dirixido o relato. Prado, pola súa banda, admite que a creación destes variados espazos e paisaxes, con cadansúa atmosfera, desde o volcan ao xeo, foi "moi ameno" e interesante desde a perspectiva gráfica.

Ler o libro de novo

A través destas aventuras, Nerea aprende a "facer caso aos pais", dunha maneira que levará ao público a "volver ler o libro outra vez". O xurado, composto polos ilustradores Miguel Porto, Fernando Iglesias (Kohell) e Kiko da Silva, xunto aos representantes da editora Anaír Rodríguez e Fran Alonso, resaltaba a actualidade da temática tratada, con certa comicidade, "centrada na prevención da saúde". Sen poder dar moita máis información libre de spoilers sobre como se manifesta isto no texto, Rojo sinala que "ten que ver con como se atopa a protagonista".

O lapis de Pablo Prado

Na parte da ilustración, o ditame salientaba "a atractiva proposta gráfica [...] a cabalo entre a liña clara franco belga mesturada coa estética cartoon". Estes eloxios ao traballo de Prado chaman tamén a atención sobre unha achega diferente ao que tiña feito até o momento, na que quixo adaptarse á ollada infantil sen perder as "propiedades narrativas a nivel visual". Atoparemos así imaxes "coloridas" que remiten "aos debuxos animados actuais".

O nome de Prado está a soar bastante nos últimos tempos, pois "cadrou" que no último ano saíron do prelo até tres traballos seus, moi diferentes entre si, un nivel de publicación que (tristemente) chama a atención. Se O derradeiro libro de Emma Olsen adaptaba a banda deseñada a novela homónima de Berta Dávila, cun ton máis lento e intimista; Os berros da motocicleta, con guión de Kiko da Silva, internábase no campo da memoria histórica para narrar a vida da represaliada Josefina Arruti Viaño. En 2020 tamén colabora con Fernando Llor en O último festi, "gamberrada visual" que, por mor da pandemia, levou a última edición do Armadiña Rock (Combarro) a banda deseñada.

Máis dunha colaboración

A colaboración con Prado xurdiu a raíz do paso de ambos os dous polo Garaxe Hermético. Xa intentaron presentarse á primeira edición do galardón, que levou Anémona de Río (Aldara Álvarez), mais daquela non saíu adiante ao estaren ocupados cos seus proxectos persoais. Mais á segunda foi a vencida, cun traballo que tivo máis tempo de madurar durante os meses de confinamento, se ben Rojo conta que "ao traballar nunha gasolineira el continuou activo" durante este período. Prado, que reside en Madrid, tamén agradeceu esta distracción para contrastar "eses días tan raros, sobre todo ao comezo, cunha historia tan divertida". E, de feito, esta non é a única obra que presentaron xuntos ao certame.

Alén desta, Rojo está agardando a publicación da súa primeira novela gráfica, que chegará cara a finais de ano da man de Retranca, logo de demorarse en 2020 por mor da pandemia. Estoutro traballo titúlase A miña outra vida e nel dá conta dunha historia de corte realista, con toques autobiográficos, sobre "como nos enganamos a nós mesmos". O protagonista, debuxante amador e traballador dunha gasolineira, enfronta a crise dos 40 pouco contento coa vida que leva, cando se lle presenta a oportunidade de cambiar. Mais se cadra isto implica "perder o que ten" e non é tan bo como aparenta.

comentarios