Banda Deseñada

'A proba da auga', de Anémona de Río, faise co premio O Garaxe Hermético

A Proba da Auga, asinada por Anémona de Río, gaña a primeira edición do Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, organizado pola escola de debuxo homónima xunto coa editorial Xerais. Aldara Álvarez García, agochada tras o alter ego, recibe o galardón por unha obra que verá a luz a próxima primavera.

Aldara Álvarez García asina como Anómena de Río
photo_camera Aldara Álvarez García asina como Anómena de Río

A proba da auga conseguiu o premio na primeira edición d'O Garaxe Hermético, certame de banda deseñada convocado pola escola homónima e a editorial Xerais. Asina a obra Anémona de Río, alter ego creativo da ilustradora Aldara Álvarez García (Vigo, 1995), que recibe con sorpresa o recoñecemento, pois como declara a Sermos Galiza, estivo a punto de ser o seu proxecto final na propia escola. Porén, rematou por se decantar por Tam, o seu anterior cómic editado por Retranca e que tamén gañou o Premio Fin de Curso do centro.

O xurado salientou a orixinalidade coa que o cómic “aborda contidos científicos cunha profunda vocación de afondar no coñecemento”

“A ver como cho conto para non facer spoilers...”, pensa Álvarez preguntada a respecto da temática do libro. A proba da auga narra a historia “dunha gota de auga filtrada” que entra, desde unha botella, “nun corpo humano”. Entón, comeza os seus periplos e desventuras na procura do resto das súas compañeiras.

O xurado, composto por Miguel Porto e Kiko da Silva, por parte do Garaxe Hermético, e Anaír Rodríguez e Fran Alonso, en representación de Xerais, salientou precisamente a orixinalidade coa que o cómic “aborda contidos científicos cunha profunda vocación de afondar no coñecemento”. O interese pola divulgación xa aparece noutras pezas breves de Álvarez. “Meus pais son enfermeiros, así que sempre estou oíndo falar destas cousas”, conta.Primeira páxina de `'A proba da auga' (Aldara Álvarez)

Igualmente, o xurado destacou “a magnífica adecuación da obra ao rango de idade ao que vai dirixido, o público infantil”. A este respecto, Álvarez comenta que adoita ter éxito entre as crianzas, aínda que considera os seus traballos para todos os públicos. “Debe ser que lles gusta o estilo, ao ter tanta cor”, reflexiona.

Manga e cómic europeo

A proba de auga, segundo destacou o xurado, “conecta con habilidade a estética do manga coa tradición do cómic europeo”. Álvarez explica que emprega o manga nos debuxos, pero “non é o estilo co que está montada a historia, na estrutura e composición das viñetas”.

Neste sentido, o xénero xaponés “rompe moito máis, é máis libre”, mentres ela emprega un patrón máis estábel. Os integrantes do xurado salientaron tamén a “eficacia no uso narrativo da cor” e a “creación dos personaxes, tanto desde o punto de vista gráfico como psicolóxico”. A este respecto, Álvarez conta que prestou especial atención á paleta cromática de cada un dos órganos polos que vai pasando a pinga protagonista, tamén para definir o seu estado de ánimo ou se a situación é boa ou mala.

Álvarez explica que emprega o manga nos debuxos, pero “non é o estilo co que está montada a historia, na estrutura e composición das viñetas”

Chegará en primavera

A proba da auga verá a luz a próxima primavera, converténdose na segunda publicación da ilustradora, cuxos traballos teñen tamén difusión en Instagram (@anemonaderio).

Para alén da obra de Anémona, o xurado escolleu como finalista Os Gazafellos, de FON, nome artístico de Fonso Barreiro, banda deseñada “cun debuxo traballado e dinámico, que usa a tradición con elementos actuais”.

Comentarios