A resistencia valente de Josefina Arruti

O matrimonio foi o delito de Josefina Arruti. Tras 18 meses na cadea, repudiada por quen antes a gababa como  muller do alcalde e vixiada polo franquismo, sacou aos seus fillos adiante e foi quen de axudar a outras familias represaliadas. Kiko da Silva e Pablo Prado narran a súa vida en Os berros da motocicleta
Páxinas de Os berros da motocicleta na que Pablo Prado recrea instantáneas da vida de Josefina Urruti (Imaxe: Pablo Prado).
photo_camera Páxinas de Os berros da motocicleta na que Pablo Prado recrea instantáneas da vida de Josefina Urruti (Imaxe: Pablo Prado).

"A historia comeza con Josefina levando flores a Bibiano, enterrado no panteón familiar. Escoita o ruído dunha motocicleta e cae ao chan. Un home que pasa en coche para e ofrécese a levala ao seu destino. Ela explícalle que se asusta co berro das motocicletas". Kiko da Silva narra por teléfono o inicio da banda deseñada que asina xunto a Pablo 'Fuco' Prado e que recupera a vida de Josefina Arruti, nada en Pontevedra en 1906 e encarcerada en 1936 tras o levantamento militar e o inicio da Guerra Civil.

A compaña da cadea

O azar quixo que deixase Madrid xunto cos seus tres fillos pouco antes do alzamento, para regresar a súa cidade natal e coidar da súa sogra enferma. O lazo que a unía a Bibiano Fernández Osorio-Tarafall, alcalde de Pontevedra, presidente da Deputación e deputado nas Cortes, foi a xustificación dos castigos que o franquismo lle inflixiu.

De repente, atopouse no cárcere sen xuízo previo, sen cargos na súa contra, narra Da Silva

"Ela non estaba posicionada politicamente. De repente, atopouse no cárcere sen xuízo previo, sen cargos na súa contra. Ao cargo dos cativos, no medio dunha guerra", agrega o guionista do cómic sobre Josefina. Na cadea, comparte a comida que lle leva a súa sogra entre as mulleres da súa cela, para as que tecía prendas. Tras dezaoito meses na prisión pasou dous anos en arresto domiciliario, no seu fogar na rúa Benito Corbal.

"A familia estaba arrodeada pola Garda Civil dunha banda e a Garda Cívica da outra", abunda Kiko da Silva. Na rúa Josefina e a súa familia atoparon un segundo cárcere, o daquelas persoas que antes a gababan como muller do alcalde e que agora a repudiaban, insultándoa e apartándose dela. As miserias daquela sociedade uníronse as dificultades económicas. 

Tras os pasos de Arruti

"O azar tivo un gran peso na vida de Josefina. Seguramente tería sido diferente de non ter marchado a Madrid, ou tal vez se Bibiano se tivese reunido con ela en Pontevedra tería sido fusilado", prosegue o guionista da obra. Un malentendido, que se revela na publicación, motivou que Arruti nunca volvese ver ao seu marido, no exilio, até xa falecido, cando comezou a visitalo e levarlle flores.

Nas páxinas de Os berros da motocicleta Kiko da Silva e Pablo Prado recuperan a Pontevedra de Josefina Arruti. A través da memoria dos fillos dela e Bibiano; José Ángel, Carmen e Manuel, reconstrúen o pasado de Josefina Arruti. Un proceso de dous anos nos que recibiron o impulso da xornalista Montse Fajardo para o arranque.

Os seus ideas de xustiza e de procurar o benestar de todas as persoas seguen intactos, di Prado

"A historia de Josefina é a historia desas persoas que, pese ao clima de terror, esa atmosfera que creou a ditadura, non son vencidas. Ela asumiu que vivía nun contexto completamente adverso, no que o medo era o pan de cada día. Pese a iso os seus ideas de xustiza e de procurar o benestar de todas as persoas seguen intactos", valora Pablo Prado, destacando a resistencia valente da protagonista. 

A coraxe das mulleres

Non panteón familiar no cemiterio de San Amaro atópase a mostra desta resistencia. "Ela e a súa sogra, Emilia Osorio, abrírono para que familias represaliadas puidesen enterrar aos seus mortos, asasinados polo franquismo. Persoas que, doutra maneira, terían ficado nunha cuneta. Penso que foron tremendamente valentes e que esta historia é necesaria para facerlles xustiza", di da Silva.

Josefina tal vez non amosara a súa ideoloxía dunha forma explícita, pero si a través destas accións", afirma Prado

"Josefina tal vez non amosara a súa ideoloxía dunha forma explícita, pero si a través destas accións. Amosou respecto e agarimo por quen sufriu a represión. Hai que ter en conta que ela era unha muller relixiosa e de clase acomodada, gran parte das persoas desa condición social apoiaron aos golpistas,", engade Pablo Prado.

Os autores de Os berros da motocicleta tamén sinalan que, pese ao malentendido que a afastou do seu marido, Josefina Arruti sempre animou aos seus fillos a manter o contacto con el de maneira epistolar. Co tempo e o final da ditadura remataríanse reunindo de novo con el.

É importante que todos, non só as persoas máis novas, lembremos estes acontecementos, valora Da Silva

"É importante que todos, non só as persoas máis novas, lembremos estes acontecementos que son tamén recentes. E a banda deseñada sirve para recuperar momentos históricos e vidas como esta que, doutra maneira non terían a mesma presenza", conclúe o guionista da obra. 

Iniciativa do Concello

Os berros da Motocicleta é o primeiro título dunha colección impulsada polo Concello de Pontedra para recoller e dibulgar a memoria das mulleres. O encargo chegou ao Garaxe Hermético, a escola de banda deseñada que dirixe Kiko da Silva, cando Pablo Prado estudaba o segundo curso. Tras máis de dous anos de traballo, presentarán a obra o vindeiro domingo no Culturagal, en Pontevedra. A primeira tirada da obra distribuirase en bibliotecas e centros educativos. 

Comentarios