venres 10.07.2020
Cultura

Emma Olsen dá o salto á novela gráfica

Explorando as posibilidades do desconfinamento, Galaxia presentou onte a través de Zoom unha das súas última novidades: a novela gráfica O derradeiro libro de Emma Olsen. Pablo Prado leva á linguaxe do cómic a celebrada obra de Berta Dávila. Nós Diario conversa con ambas sobre os desafíos desta singular tradución. 
Pablo Prado, autor da adaptación a novela gráfica de 'O derradeiro libro de Emma Olsen' (Xoana Quintas).
Pablo Prado, autor da adaptación a novela gráfica de 'O derradeiro libro de Emma Olsen' (Xoana Quintas).

En 2013, Berta Dávila facíase co Premio Narrativa Breve Repsol con O derradeiro libro de Emma Olsen, obra que remeda unha tradución ao galego do último escrito no que esta relembra a súa adolescencia. Agora, Emma Olsen volve ás librarías, mais esta vez ilustrada na novela gráfica que asina Pablo Prado sobre o texto homónimo de Dávila, que tamén foi recoñecido pola Asociación Galega de Editoras como mellor libro de ficción en 2014.

A obra chegoulle a Prado a través de Kiko da Silva, cando andaba na procura dunha historia para o seu proxecto final na escola na que imparte aulas o debuxante, O Garaxe Hermético. O autor explica que axiña se sentiu fondamente "identificado coas sensacións de represión emocional da protagonista", Emma Olsen, para alén da súa impotencia "para contar algo e non dar, que Berta explota ao longo do libro". A propia Dávila recibiu a proposta como "un agasallo" de Prado e de Galaxia, pois considera especialmente fermoso deixar entrar alguén no seu universo creativo. E aínda que "sempre se corre o risco de que o resultado non te represente", ela entendeu que lle abría a porta ao ilustrador e que precisamente na súa ollada sobre o texto é onde reside a "beleza" da adaptación.

Traducir ao visual

O principal desafío foi adaptar as fórmulas da escrita, unha narración en primeira persoa en forma de monólogo ateigada de saltos temporais e metáforas, aos mecanismos propios da novela gráfica. Prado apunta que no cómic cómpre ter en conta o "hándicap do espazo". Fronte á linguaxe cinematográfica, que partilla coa da banda deseñada moitos aspectos, a dimensión espacial resulta nesta última moito máis determinante na construción temporal. Mentres que no filme a duración está definida polo audio (da voz da personaxe ou da música, por exemplo), no cómic esta aparece vencellada tamén ao lugar. Por iso, tivo que buscar recursos visuais que lle permitisen resumir o texto e o seu diálogo entre presente e pasado, sen "cargar" a potencia emocional do relato de Dávila.

Entre as técnicas empregadas por Prado destaca o uso das cores, procurando vincular ese  pasado "idealizado e artificioso" a cores máis vivas, fronte a un presente no que dominan os "grises e azuis", ou mesmo os verdes na parte que se refire ao cancro da protagonista, expresando unha realidade máis "degradada ou fría, por veces tamén sosegada", di o autor.

Doutra banda, Prado tivo moi en conta na creación da atmosfera o que deu en chamar "intimidade observada", para levar a imaxes o afogo que provoca na narradora a pequena vila de Faith, onde se desenvolve o relato, durante a súa adolescencia. "Cando se achega a Clarissa, sempre hai alguén que as está a mirar", explica.

Liberdade creativa

Prado agradece a total liberdade creativa que Dávila lle deu desde o comezo. Durante o proceso, ela recibía partes das ilustracións, ás veces mesmo con sorpresa pola relectura dalgún aspecto concreto. Por exemplo, explica a escritora que na novela gráfica unha personaxe emprega a avaría da súa lavadora para pedir axuda ao seu veciño. Ela nunca tivo esa intención, senón que este recurso expresaba a apatía e a resignación coa que confronta a vida. Mais Dávila nunca lle pediu que "corrixise nada para axustalo ao que eu quería dicir, porque esa perspectiva xa se atopa publicada na obra. Este traballo é seu", di. Ela limitábase a facer suxestións como persoa que coñece de preto as personaxes.derradeiro emma olsen

Prado abordou a adaptación á forma visual procurando "cribar o esqueleto da historia e rescatar o máximo de escenas posíbeis". Porén, tamén nutriu o relato con vivencias de coñecidas que pasaran por situacións semellantes ás da protagonista, ao enfrontar a homosexualidade no contexto dunha vila pequena. Menciona, por exemplo, a transición temporal que fai logo do primeiro bico de Emma cun rapaz por "imposición social" , seguido dun cadriño no que representa o esputo e o sangue da enfermidade do presente. Prado traduciu aquí ese beixo ligado ao noxo inspirado pola anécdota dunha amiga súa, que tras sufrir un suceso semellante chegou á casa e sentiu a necesidade de lavar os dentes.

Esta sorte de detalles inciden sobre o texto como unha nova ollada sobre o orixinal, algo que a Dávila lle resultou especialmente atractivo, pois tivo a pouco habitual oportunidade de "entrar no texto como unha lectora allea, como se non o tivese escrito eu".

comentarios