'O auto do Castromil', gañadora do III Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, estrearase en Compostela

As entradas son de balde e xa se poden solicitar na web e na oficina de información do departamento de cultura de Santiago de Compostela
Quico Cadaval e Alberte Ansede na resolución do certame. (Foto: Concello de Tomiño).
photo_camera Quico Cadaval e Alberte Ansede na resolución do certame. (Foto: Concello de Tomiño).

Os viaxeiros e as viaxeiras dun coche de liña dormen, e talvez tamén o fai o seu condutor. As maletas e demais bagaxes amotínanse, cobran vida e repasan unha curiosa historia da Galiza. Combaten a amnesia conxénita do pobo galego usando autos populares e farsas de Manuel María, o autor chairego.

Nelas aparece a historia alucinada dun pobo que loita, é derrotado, volve levantar a cabeza e rebelarse de novo. Unha rebelión na que, ás veces, non temos máis armas que o humor e o espírito antroidesco

Esta é a sinopse d'O auto do Castromil, unha viaxe en transporte público pola Galiza inconsciente, a obra coa que Producións Teatrais Excéntricas gañou a terceira edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, convocado pola Fundación e Casa-Museo Manuel María, e que comezará a súa xira o 7, 8 e 9 de xullo no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Estes tres espectáculos que acollerá a capital do país serán de balde e as entradas xa se poden recoller tanto a través da páxina web do departamento de cultura do Concello como na súa oficina de información cultural da rúa do Preguntoiro. 

A propia Casa-Museo Manuel María tamén dispón dunha serie de billetes para os tres días que se poden solicitar a través de correo electrónico.

O auto do Castromil, co producida por PT Excéntricas e o Centro Dramático Galego, é un espectáculo con dramaturxia e dirección de Quico Cadaval e que protagonizan Rocío González, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez. O vestiario e a escenografía é de Carlos Alonso, a banda sonora de Piti Sanz e a iluminación de Octavio Mas.   

Máis de corenta serán as representacións desta obra teatral que adapta a obra de Manuel María do mesmo título, que se poderá desfrutar nos próximos meses por distintas localidades do país, entre elas Ribadavia (comarca do Ribeiro) o 23 de xullo, e Cariño (A Mariña) o 15 de agosto. 

Comentarios