Tomiño divulgará a obra e o legado do escritor Manuel María

O Concello de Tomiño e a Fundación Manuel María de Estudos Galegos asinaron un convenio a través do cal o Goberno municipal comprométese a colaborar na difusión da obra do escritor galego. 
Quico Cadaval e Alberte Ansede na resolución do certame. (Foto: Concello de Tomiño).
photo_camera Quico Cadaval e Alberte Ansede na resolución do certame (Foto: Concello de Tomiño).

O Concello de Tomiño e a Fundación Manuel María de Estudos Galegos asinaron un convenio a través do cal o Goberno municipal comprométese a colaborar na difusión da obra do escritor galego. 

A través deste convenio, Tomiño incluirá na súa programación cultural para o vindeiro ano 2024 a representación de Auto do Castromil, unha peza de Producións Teatrais Excéntricas baseada nunha obra homónima de Manuel María, e que resultou gañadora do III Certame Manuel María de Proxectos Teatrais.

O concurso

Este concurso, convocado pola propia Fundación e a Casa-Museo Manuel María, conta coa colaboración do Centro Dramático Galego (CDG); as Mostras de Teatro de Ribadavia, Cariño e O Carballiño; deputacións e 33 concellos galegos, entre eles o de Tomiño.

Dirixida por Quico Cadaval e cun elenco composto por Víctor Mosquera, Evaristo Calvo, Patricia Vázquez e Rocío González, o xurado decidiu por unanimidade concederlle este galardón por ser un proxecto "brillante e imaxinativo, recuperando propostas contidas no teatro de máscaras de Otero Pedraio, un dos textos máis visionarios no deseño dun teatro de vangarda propiamente galego, cunha estética con capacidade de intervir na sociedade contemporánea recollendo os valores da obra de Manuel María que combina a vangarda coa cultura popular".

Ademais, segundo o xurado, a obra que se poderá ver en Tomiño "presenta unha gran capacidade de chegar a un espectro de público moi amplo, incluído o público escolar, pola súa mestura de estilos, o xogo cos obxectos e os materiais aventurando un espectáculo singular que promete poética e humor". 

O certame de carácter bienal gañado nesta edición 2022 por Auto do Castromil está destinado ás compañías profesionais galegas e premia a mellor proposta escénica dunha obra de Manuel María.

A obra ha de estar lista nun prazo máximo de 10 meses para despois estar en cartel desde o último trimestre de 2023 até finais de 2024.

Comentarios