PT Excéntricas faise co 3º Certame Manuel María de Proxectos Teatrais

A obra contará con un mínimo de 40 representacións nas cidades e vilas galegas grazas á colaboración de concellos e Deputacións.

Quico Cadaval recibindo o galardón, esta mañá.
photo_camera Quico Cadaval recibindo o galardón, esta mañá.

Otero Pedrayo sobe nun Castromil despois de despedirse de varios vultos da cultura galega. Comeza a viaxe, e as maletas e os baúis comezan a discutir sobre o pasado e o presente da nación galega. É o comezo do Auto do Castromil, o proxecto co que Producións Teatrais Excéntricas vén de gañar a terceira edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, convocado pola Fundación e Casa-Museo Manuel María.

Esta mañá, no Salón Teatro de Santiago de Compostela, fíxose entrega do premio a Quico Cadaval, que dirixirá o espectáculo a que dará lugar o proxecto gañador. O elenco estará formado por Víctor Mosqueira, Evaristo Calvo, Patricia Vázquez e Rocío González acompañados de Carlos Alonso na escenografía, Piti Sanz no espazo sonoro e Octavio Mas na iluminación.

O xurado tomou a súa decisión por unanimidade e cualificou o proxecto como “brillante e imaxinativo, recuperando propostas contidas no Teatro de Máscaras de Otero Pedraio, un dos textos máis visionarios no deseño dun teatro de vangarda propiamente galego”. Salientou, ademais, que a proposta gañadora “presenta unha estética con capacidade de intervir na sociedade contemporánea recollendo os valores da obra de Manuel María que combina a vangarda coa cultura popular.” Finalmente salientou que “a compañía promotora -Excéntricas- está constituída por un equipo artístico sólido, contrastado e de alta calidade que resulta unha garantía para o desenvolvemento dun espectáculo atractivo de xogo escénico,  comprometido, de humor e poesía”.

O Xurado estivo presidido por Manuel Lourenzo -Premio Nacional de Teatro-, actuando de vogais María Barcala, de Teatro do Atlántico, Fernando Dacosta ,de Sarabela Teatro, Mónica Camaño, actriz, e Manuel Xestoso, crítico teatral. Realizou a función de secretario, sen voto, Alberte Ansede en representación da Fundación Manuel María.

Unha fórmula orixinal

O Certame Manuel María de Proxectos Teatrais -de carácter bienal e destinado ás compañías profesionais galegas- adopta unha fórmula orixinal xa que, máis que apoiarse na dotación económica, ten o seu atractivo principal no número de representacións que lle asegura á compañía gañadora, para o cal a Fundación e Casa Museo Manuel María buscou a complicidade das Deputacións da Coruña, Lugo e Ourense; do Centro Dramático Galego; das Mostras de Teatro de Ribadavia, Cariño e O Carballiño e de 33 concellos galegos, o que permite realizar unha xira de non menos de corenta funcións.

Alberte Ansede, presidente da Fundación e Casa-Museo Manuel María, resaltou precisamente o feito de que este é un galardón moi singular en canto que “o mellor recoñecemento para unha obra é a súa difusión pois, ao fin, é o que máis desexa unha compañía profesional: chegar ao seu público”.

O encargado da entrega do Premio foi o propio Alberte Ansede, sendo recibido por Quico Cadaval, director da obra premiada. Estiveron acompañados por Francisco Javier Núñez, Director do Centro Dramático Galego; por Mercedes Rosón, concelleira de Cultura de Santiago de Compostela e por todos as persoas que conformaron o xurado.

Un proxecto que condensa varias das obras do autor

O Auto do Castromil adapta a obra de Manuel María do mesmo título, incorporando outros textos do autor pertencentes a Auto dos simulados da Caravilla, Unha vez foi o trebón, Abril de lume e ferro, Entremés da OTAN ou a Farsa de Bululú. O director, Quico Cadaval, declaraba ao recibir o premio que, con esta obra, volvía ás orixes, "porque a primeira obra que dirixín foi Berenguela. Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo", do mesmo autor.

O proxecto de Producións Teatrais Excéntricas é o terceiro en facerse con este galardón, despois de O meu mundo non é deste reino ou Farsa de Bululú, da compañía Teatro da Ramboia, e de A lúa vai encuberta, unha colaboración das compañías Incendiaria e A quinta do cuadrante, que está gora mesmo rematando a súa xira polo país.

Comentarios