Así é 'AGalega', o "Netflix" da TVG

Nace unha plataforma dixital con máis de 1.400 contidos en galego en aberto impulsada pola CRTVG.

Capa da plataforma AGalega. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Capa da plataforma AGalega. (Foto: Nós Diario)

A Cidade da Cultura da Galiza acolleu esta cuarta feira a presentación de AGalega, unha nova plataforma dixital audiovisual, composta por máis de 1.400 contidos en galego e impulsada pola CRTVG. Con ela, a compañía de radio e televisión públicas reconfigura a súa estrutura dixital e ofrece os seus contidos de ficción, entretemento, cinema, series, animación, documentais, podcasts, directos e contidos exclusivos a través da que xa é "a maior plataforma dixital audiovisual en galego do mundo".

En concreto, AGalega incorpora máis de 1.400 contidos audiovisuais que están xa ao dispor da audiencia, a demanda, e cun abanico de títulos que vai desde as series e programas míticos da TVG até espazos nativos dixitais desenvoltos exclusivamente para a plataforma.

Así mesmo, AGalega nace con dúas apps integradas, pero que tamén se poden descargar de forma individual. Para as crianzas (e as adultas nostálxicas), nace a nova app Xabarín con novidades como Os Argonautas e a moeda de ouro ou Valentina, que se vai estrear como contido exclusivo na plataforma. A app do Xabarín estréase tamén con máis de 1.400 contidos propios xa publicados.

Ademais, arrinca AGalega Audio, con todos os servizos e canles da Radio Galega integrados, cos directos e contidos exclusivos. En total, xa hai 4.500 audios dispoñíbeis na app.

A esta plataforma pode accederse vía web a través de www.agalega.gal, e tamén pode descargarse AGalega desde Google Play e App Store. En febreiro estará dispoñíbel nas televisións intelixentes, en Fire TV, LG e Samsung.

Contidos exclusivos e clásicos

Os contidos tanto da plataforma como das apps irán cambiando e crecendo, informou a CRTVG. Nela xa hai contidos exclusivos en liña como as series Na Gloria, de Xosé Touriñán e Dani Rovira, ou Ghuasapp.

Os sen nome, un documental sobre o accidente aéreo ocorrido en Montrove, é outro dos contidos únicos; así como a película para crianzas candidata ao Goya Valentina e a sección de música, chamada Palco, que contará co último concerto de Amancio Prada coa Filharmonía de Galicia, entre outros contidos.

Ademais, a plataforma contén as series míticas da TVG combinadas coas máis modernas. Padre Casares, Pratos combinados ou Mareas Vivas comparten escena con Saudade de ti, Auga Seca, A Estiba, Operación Marea Negra, O sabor das margaridas e O faro, entre outras.

Comentarios