Arrinca en Santiago o congreso que revisa o legado do Seminario de Estudos Galegos

Justo Beramendi, Ramón Villares, Henrique Monteagudo son algúns dos participantes nesta cita que arrinca hoxe  en Santiago. 
Reunión do Seminario de Estudos Galegos (Foto: Nós Diario).
photo_camera Reunión do Seminario de Estudos Galegos (Foto: Nós Diario).

Saber de nós é o título do congreso organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración de media ducia de entidades, que arrinca hoxe en Santiago e que pretende facer balance da significación da creación do Seminario de Estudos Galegos (SEG) na historia intelectual da Galiza. 

O congreso analizará, por unha parte, o salto cualitativo decisivo que o SEG impulsou para a configuración dun campo específico de estudos galegos, multidisciplinario pero articulado arredor dunha idea moderna, integral e integradora da Galiza e que da título á cita “Saber de nós”. Por outra, promoveu un ideal de excelencia científica, perseguido mediante unha actualización constante, favorecendo os contactos internacionais, cunha política específica de intercambio con Portugal. 

O congreso está dividido en catro sesións en dous días. Na primeira sesión, encargada de situar o proxecto de Seminario no seu contexto histórico, intervirán Justo Beramendi, catedrático emérito de Historia Contemporánea. Após a súa conferencia haberá unha sesión de relatorios na que participan Uxío-Breogán Diéguez, Alfonso Mato e Pilar García Negro.

A segunda sesión centrarase na propia traxectoria do SEG e na súa relación coa sociedade. Ramón Villares falará da traxectoria e significación do SEG e seguirán os relatorios de Aurora Marco, María Xesús Fortes Alén e Antón Costa

O segundo día aglutina as sesións terceira e cuarta. Nelas concentraranse as áreas de actividade nas que o Seminario conseguiu resultados máis tanxibles: etnografía, prehistoria e arqueoloxía, ciencias, belas artes, estudos literarios e lingua. 

O congreso rematará cunha mesa redonda sobre o legado do SEG moderado pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, no que participan Miguel Anxo Seixas Seoane, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, María Xosé Fernández Cerviño e Uxío Labarta. 

Comentarios